TURISMO

Retro Galicia 2014 incorpora un motorshow con vehículos lendarios

11/02/2014 Tras o éxito da última edición, con preto de 100 expositores e 20.000 visitantes, Santiago prepárase para acoller unha vez máis aos afeccionados ao motor de Galicia e norte de Portugal os días 14, 15 e 16 de febreiro en Retro Galicia 2014, IV Salón do Vehículo Clásico e de Época. A Concellería de Economía, Comercio, Turismo e Mercados colabora con este certame, organizado pola empresa Eventos del Motor.

A concelleira de Turismo, Reyes Leis, e o director xeral de Eventos del Motor, José Enrique Elvira, presentaron este certame, que incorpora por primeira vez un motorshow exhibition denominado I Festival Todo Clásico, no que arredor dunha quincena de pilotos, entre os que estarán Jesús Ferreiro (Campión de España de Ralis), Perfecto Calviño (Campión de España de Autocross), Iñaki Alberdi ou Marvic, farán as delicias do público cunha serie de exhibicións a bordo dos lendarios Porsche 911, Ford Escort ou do prototipo de Lancia 037.

O espectáculo desenvolverase durante o sábado 15 e o domingo 16 na zona exterior do recinto feiral e ocupará unha superficie aproximada de 10.000 metros cadrados. A cargo da organización deportiva estará a Escudería Motor Melide, que puxo en marcha durante anos o Rali de Galicia Histórico, puntuable para o Campionato de España.

Monográficos e homenaxes
Entre as atraccións con que contará o salón galego nesta nova edición destaca a homenaxe que polo seu 60 aniversario se lle renderá a un dos coches máis exclusivos e bonitos xamais fabricados: o Mercedes 300 SL Gullwing, máis coñecido como "Ás de Gaivota". No espazo que se lle dedicará a esta icona da industria automobilística, ademais dunha unidade orixinal do ano 54 tamén se mostrará un Mercedes SLS do 2014, para que os afeccionados poidan comprobar de primeira man a evolución que sufriu este modelo co paso dos anos.

Outro dos automóbiles que cumpre anos neste 2014 é o Ford Mustang, neste caso medio século dende a súa aparición. En Retro Galicia tamén haberá un espazo dedicado a este outro referente da industria automobilística. Nel poderanse apreciar diferentes carrocerías de distintos anos e modelos, como a Fastback, a Coupé ou a Convertible.

Se das dúas rodas falamos, ademais dos postos de pezas e accesorios, tamén se levará a cabo a presentación oficial do Campionato Galego de Motos Clásicas, así como das 6 Horas de Resistencia de Scooter Clásica. No espazo que lidera o Moto Club Compostela tamén se presentará a XX Ruta Rosaliana, que se celebrará, como é tradición, o 17 de maio, Día das Letras Galegas, e mostrarase unha exposición de motos clásicas de competición, unha colección de cascos de diferentes pilotos de todos os tempos, e os diferentes clubs de motos clásicas de Galicia darán a coñecer os seus calendarios de probas e concentracións para 2014.

Salón comercial
Como xa sucedeu nas anteriores edicións, Retro Galicia terá un marcado carácter comercial, o que permitirá non só admirar os vehículos que se expoñan, senón adquirilos.

Para aqueles que xa dispoñan dun vehículo clásico (entendendo como tal un de máis de 25 anos de antigüidade) e decidan acudir nel a Retro Galicia, a organización terá unha zona de aparcadoiro reservada, ademais de ofrecer un 50% de desconto no prezo da entrada.

Retro Auto Galicia poñerá a disposición dos particulares o seu propio espazo para que poidan poñer á venda automóbiles e motocicletas clásicas no Pavillón A do Recinto Feiral de Amio.

Os devanditos vehículos terán como condición ter sido fabricados ata o ano 1988 ou, no caso de marcas de prestixio (como Ferrari, Maserati, Aston Martin, Lamborghini, Porsche, Rolls Royce, Corvette, Bentley ou Lotus) ampliarase dito prazo ata 1996.

Actividades para todos
En Santiago non fará falta ser un piloto de competición para conducir un bólido, nin ter preparados repostos e gasolina para acelerar un coche en pista. A empresa Marvic Sport&Classic terá a disposición do público que desexe alugalo un exemplar de Ford Escort. Con esta unidade poderase rodar na pista exterior de exhibicións, nos tempos mortos destas. Ademais, a empresa JRS Simulación poñerá a disposición de todos os asistentes un simulador profesional de condución do máis alto nivel. Este dispositivo é o que utiliza o piloto asturiano Alex Novo para a súa preparación indoor. Grazas a isto, poderemos ver competir os afeccionados en diferentes en circuítos, cada un á súa escala.

Aparcadoiro gratuíto e desconto para clásicos
Como todos os anos, todos aqueles afeccionados que acudan co seu vehículo clásico, tanto coche ou moto, dispoñerán dunha praza de aparcadoiro gratuíta no propio recinto onde se celebra a feira, e gozarán dun 50% de desconto na entrada. O prezo xeral é de 8 euros.

Os horarios do Salón serán os seguintes: venres 14 de febreiro, de 16:00 a 21:00 horas; sábado 15, de 10:00 a 21:00 horas; domingo 16, de 10:00 a 20:00 horas.

Cafetería da estación de autobuses
A preguntas dos xornalistas na rolda de prensa sobre o peche da cafetería da estación de autobuses, Reyes Leis lembrou que a empresa municipal TUSSA convocará novamente un concurso para adxudicar a explotación do devandito recinto. Esta decisión adoptouse ao quedar deserto o anterior concurso, como consecuencia da renuncia da única empresa presentada.

TUSSA considera que a apertura do concurso e o peche inmediato das instalacións é a decisión máis axeitada a fin de asegurar a máis pronta resolución do procedemento e a prestación futura do servizo. En calquera caso, e malia que o servizo de cafetería non é considerado como un servizo esencial da estación de autobuses, habilitarase un espazo visible e suficientemente anunciado, onde se instalarán máquinas de vending con distintos produtos e mesas para os usuarios da estación de autobuses.

Cómpre lembrar que TUSSA xestiona a estación de autobuses dende o 1 de abril de 2005, subrogándose a partir desa data en todos os contratos, concertos, obrigas e dereitos que correspondían ao Concello de Santiago. O contrato para a explotación da cafetería e restaurante da estación de autobuses asinárase o 2 de agosto de 1993 entre o Concello de Santiago e a empresa Santiago Dos, SL, por un prazo de 15 anos, coa posibilidade de prórroga ata un máximo de 5 anos máis. As devanditas prórrogas fixéronse efectivas, polo que o contrato rematou en agosto de 2013.

Para non deixar a estación sen o servizo de cafetería nunha época de grande afluencia de visitantes, TUSSA negociara co adxudicatario unha prórroga do contrato ata a entrada do novo adxudicatario, cun prazo máximo de tres meses.

O 18 de setembro de 2013 aprobárase o prego para a contratación, mediante procedemento aberto, do servizo de cafetería e restaurante na estación de autobuses. O 19 de novembro, a mesa de contratación acordou propoñer como adxudicataria do servizo á única empresa que se presentou ao procedemento, Pontevedra Dos, SL. Pero o 13 de decembro, a empresa proposta para adxudicación presentou escrito de renuncia, provocando que o concurso quedara deserto.

Tendo en conta que o contrato con Santiago Dos está vencido (tanto o principal como as prórrogas) e logo de que o concurso convocado quedara deserto, procedeuse a resolver o contrato, máxime cando o adxudicatario está en situación de concurso de acredores e ten incumprido as súas obrigas de canon. O adxudicatario deberá deixar libre as instalacións no prazo de 20 días.

Direcciones relacionadas



Compartir: