CENTROS SOCIOCULTURAIS

"Vive o Antroido" programa máis de 150 actividades nos centros socioculturais

11/02/2014 Xa está en marcha unha nova edición de Vive o Antroido, con máis de 150 actividades programadas nos centros socioculturais ata os primeiros días de marzo. O obxectivo deste calendario de accións é divulgar as tradicións e por en valor a celebración do Antroido, así como facer visible a riqueza e variedade desta festa nos barrios e parroquias de Santiago.

O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, presentou Vive o Antroido, cuxo calendario de actividades se estenderá ata o 8 de marzo. Entre as mesmas, destacou a formación das comparsas que participarán no desfile do martes de Antroido e dun grupo de viúvas e viuvos choróns que acompañará o Meco.

Ata o 21 de febreiro estará aberto o prazo para apuntarse nas tres comparsas en preparación: unha titulada "O mundo ao revés", dende o CSC de Conxo; outra denominada "Robots" dende o CSC do Castiñeiriño; e outra baixo o nome de "A maxia dos centros socioculturais", coa participación de varios centros e coa temática do ilusionismo. En total, 29 locais, rurais e urbanos, están implicados nestas comparsas, nas que se estima que estarán unhas 300 persoas.

Os participantes deberán aboar unha pequena cantidade para o disfrace, que pode confeccionarse con axuda dende os propios centros a través de obradoiros.

Obradoiros
Tamén se programaron diversos obradoiros e actividades: maquillaxe, cociña e receitas de Antroido, elaboración de máscaras e mecos, festas de disfraces e bailes de máscaras. Ademais, durante as datas previas ao Antroido e baixo o título "O Meco quere…", construirase nos centros socioculturais un Meco propio que logo animará aos usuarios a facer Antroido coas súas suxestións disparatadas.

A gastronomía do Antroido será outra das protagonistas do programa, cunhas sobremesas de Antroido con elaboración de receitas, mostras, degustación e faladoiros. A isto súmase o blog As receitas do Antroido dos composteláns, onde se recollerán as receitas dos usuarios.

A programación complétase nas bibliotecas dos centros socioculturais de Santa Marta, Fontiñas e Vite con fotomontaxes para que nenos e maiores se disfracen de personaxes literarios (Harry Potter, Wally, Mago Houdini, caricatura de Valle Inclán); recomendacións de lecturas de Antroido, "Retallos"; e mostras de imaxes recollidas entre os usuarios sobre o Antroido e a súa celebración popular.

Tampouco faltará o baile neste Vive o Antroido, con dúas sesións do programa Imos ao baile: o sábado 22 de febreiro, no CSC de Santa Marta, co grupo Glamour, e o sábado 1 de marzo, na Casa das Asociacións de Cornes, co grupo Solymar.

As actividades son dinamizadas polo propio persoal dos centros socioculturais. Non obstante, o Concello destina 3.000 euros a publicidade e a materiais destinados aos obradoiros e á confección e montaxe das comparsas (levan vehículo), así como ao transporte (3 autocares) que achegarán os participantes das parroquias ata o punto de saída do desfile o martes de Antroido.

Documentos relacionados



Compartir: