NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Xornada de formación do Club de Debate

10/02/2014 Este martes, 11 de febreiro, vai ter lugar a xornada de formación do Club de Debate 2014. Comezará ás 9:30 e rematará ás 13:30 horas no Pazo da Peregrina en Bertamiráns.

Asistirán os 9 equipos que van competir nesta comarca, procedentes dos concellos de Santiago, Ames, Teo e Carballo. En concreto, de Santiago asistirán 3 equipos, dos institutos Antonio Fraguas e Rosalía de Castro, cun total de 26 rapaces e rapazas, ademais de 3 preparadores.

Durante a xornada quedarán fixados tamén o tema de debate e a data definitiva da competición comarcal que se celebrará no Concello de Teo durante o mes de marzo.

A xornada de formación, ademais de responder ao obxectivo principal do proxecto, que é favorecer a comunicación en galego, neste caso en contextos informais a través da interacción entre os participantes, procura tamén afondar no coñecemento das normas do proxecto así como no fornecemento de habilidades para a exposición oral e o manexo de recursos de apoio.

O grupo traballará algunhas das dinámicas subdividido en tres máis pequenos, para dar lugar á realización de simulacros prácticos dos debates, mentres que noutros momentos desenvolverá as prácticas coa totalidade dos participantes comarcais, que son un total de 77 rapaces e rapazas de 4º da ESO e 1º de Bacharelato.

Compartir: