URBANISMO

O novo alumeado na rúa Alfredro Brañas permitirá un aforro anual de 12.000 kW e a redución de 5,95 t nas emisións de CO2

10/02/2014 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, presentou o proxecto de substitución de luminarias nas instalacións de alumeado público da rúa Alfredo Brañas. Este actuación, adxudicada por un importe de 22.345 euros máis IVE e un prazo de execución de sete semanas, permitirá un importante aforro enerxético e unha redución do impacto medioambiental.

María Pardo lembrou que a rúa Alfredo Brañas rexistra unha "mala iluminación", da que ten habido numerosas queixas veciñais. Por iso, indicou, se elixiu esta rúa para estas novas luminarias, que permitirán aforrar 12.000 kW ao ano e reducir en 5,95 toneladas anuais as emisións á atmosfera.

As luminarias que se instalarán son leds, que emitirán unha luz branca neutra. Incrementaranse os niveis de iluminación ata nun 65% na calzada e ata un 88% na beirarrúa peor iluminada. Estes valores poderían mesmo aumentarse con maiores fluxos de luz.

As 26 lámpadas instaladas na actualidade teñen unha potencia unitaria de 150 W e non dispoñen de sistema de redución de fluxo nin equipos de acendido ni de aforro de enerxía. Funcionan directamente mediante reloxo astronómico, con 4.150 horas de funcionamento anuais, que se traducen nun consumo por ano de 16.185 kW.

As novas luminarias con leds teñen unha potencia de 53 W e incorporan un equipo de aforro enerxético que as regulará diariamente para reducir o fluxo e a potencia ao menos ao 50% durante cinco horas e ao 30% en dúas horas, ao longo do período de funcionamento de cada xornada.

Coas mesmas horas de funcionamento, 4.150, o consumo anual situaríase nos 4.171 kW, o que representa un aforro de enerxía de 12.014 kW/ano, equivalente a unha redución de emisións á atmosfera de 5,95 toneladas de CO2 ao ano .

O balance enerxético é aínda máis positivo tendo en conta a longa vida dos leds, aproximadamente 12 anos, fronte aos 3,25 anos das lámpadas actuais. Isto redundará nun menor custo de mantemento.

Esta actuación é un avance da estratexia de aforro enerxético marcada polo Goberno municipal, da que son expresión tamén as auditorías enerxéticas encargadas tanto para os edificios públicos como para o alumeado público. Esta última servirá de base para un novo contrato de mantemento do alumeado público, á cuxa implantación se adianta este proxecto de Alfredo Brañas. Un proxecto similar executarase no parque de Ponte Pereda.

Compartir: