CULTURA

Iraya Producciones presenta "El arte de la entrevista", de Juan Mayorga, dentro do ciclo Teatro & Danza

07/02/2014 Iraya Producciones trae ao Teatro Principal El arte de la entrevista, de Juan Mayorga, protagonizada por Alicia Hermida, Luisa Martín, Elena Rivera e Ramón Esquinas. Dentro do ciclo Teatro & Danza e dirixida por Juan José Afonso, poderemos ver a representación este sábado 8, a partir das 20:30 horas, no Teatro Principal. As entradas están xa á venda a un prezo de 18 euros (14 € no anfiteatro) no despacho de billetes do propio Principal, aberto de 18:00 a 21:00 horas, e en Novagaliciabanco (web e teléfono).

Texto de Juan Mayorga sobre a obra
"En El arte de la entrevista hai cinco personaxes: tres mulleres, un home e unha cámara de vídeo. As mulleres, que viven baixo o mesmo teito, son unha anciá, a súa filla e a súa neta; o home é un intruso; a cámara é unha bomba. Un día que parece igual a calquera outro, baixo o aspecto de instrumento para traballo escolar, a cámara entra na casa. A ambos os dous lados da cámara, as mulleres xogan a entrevistarse. Xogando, rin e fanse dano. Moito dano.

Unha entrevista é unha forma de diálogo que ten as súas propias regras, a máis importante das cales é: eu pregunto, ti respondes e o silencio tamén é unha resposta. Unha entrevista é un xogo moi serio se se fai ante unha cámara que a rexistra. Unha entrevista é unha navalla.Na El arte de la entrevista as entrevistas entran en conflito, férense unhas a outras. A cámara entra na casa e desestabilízaa para sempre, resignificando todos os días anteriores da vida familiar e facendo que tres mulleres se vexan como nunca antes se viron. A cámara converte un día calquera nun día de dor, pero tamén de esperanza. De esperanza cara ao futuro, desde logo, pero tamén de esperanza cara ao pasado. Cecilia, Paula e Rosa descobren que o pasado está tan aberto como o futuro.

E o home? Xa o dixen: o home –como este que asina– é un intruso"

Compartir: