CULTURA

Nick Waterhouse, arranque de luxo para unha nova edición do ciclo Galicia Importa, o primeiro en colaboración co Compostela Rock

07/02/2014 Unha das sensacións do actual revival soul, Nick Waterhouse, estrearase en Galicia o próximo 27 de marzo na Sala Capitol de Santiago de Compostela. Faino dentro do Ciclo Galicia Importa, que arranca con este concerto unha colaboración con Compostela Rock para continuar coa súa programación en Santiago. As entradas xa están á venda a un prezo de 16 € + gastos a través de Ticketea.com, a web de Servinova, o teléfono 902 504 500, A Reixa Tenda e o despacho de billetes do Teatro Principal.

Trátase da primeira confirmación do ciclo de concertos internacionais que se desenvolve en Galicia dende o ano 2008 e polo que xa pasaron gran cantidade de nomes ilustres como Yo La Tengo, Mark Lanegan, Mavis Staples, Joan Baez, Saint Etienne, Lucinda Williams, Richard Hawley, Interpol, Steve Vai, Bettye LaVette, M.Ward ou Alice Cooper.

Nick Waterhouse foi unha das sorpresas da último Primavera Sound en Barcelona. Con só 25 anos e un disco no mercado, o músico e produtor californiano recibiu eloxios de prestixiosos medios como a influente revista inglesa Mojo, que destacou o seu álbum de debut, Time’s all gone, como o mellor disco de soul de 2012. Este próximo mes de marzo publica o que será o seu flamante 2º disco, Holly, producido en LA polo propio Waterhouse xunto a Kevis Augunas (Cold War Kids, The Black Keys) e no que conta coa colaboracións de luxo do seu bo amigo Ty Segall.

O artista chega a España nunha xira que só pasará por 4 cidades: Madrid, Barcelona, Valencia e Santiago de Compostela.

Compartir: