SEGURIDADE CIDADÁ

O Concello de Santiago recomenda precaución ante a nova alerta por vento prevista para esta tarde-noite

07/02/2014 A Dirección xeral de Emerxencias e Interior vén de emitir unha nova alerta de nivel laranxa por ventos de ata 100 quilómetros que comenzará na tarde de hoxe e finalizará ao inicio de mañá, sábado 8.

Ante esta situación, o Concello de Santiago prega aos cidadáns extremen as precaucións e lembra que segue activo o dispositivo de emerxencia integrado por Policía Local, Bombeiros, Brigada de Vías e Obras, Protección Civil e as empresas concesionarias.

Así mesmo, a Dirección xeral de Emerxencias recomenda á cidadanía:
- retirar todos os obxectos que poidan caer á rúa desde tellados, balcóns e fiestras, así como pechar e asegurar ben as portas, fiestras e persianas
- camiñar preto da fachadas dos edificios e vixiar a posible caída de obxectos
- evitar pasar preto de edificios ruinosos, árbores, paneis publicitarios, andamios e obxectos que poida derrubar o vento
- en caso de ter que usar o vehículo informarse antes do estado das estradas e circular con precaución, especialmente nos adiantamentos de autobuses e camións, polo forte impacto do vento que se xera
- non utilizar vehículos lixeiros nin de pouca estabilidade (bicicletas, ciclomotores)
- en caso de ter que deixar o vehículo na rúa, aparcalo nun lugar protexido do vento e ben inmobilizado
- ante calquera emerxencia chamar ao 112

Teléfonos de interese: Bombeiros (080) e Policía Local (092).

Peche de instalacións deportivas

A Comisión Escolar de Alertas, debido ao fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa por vento, determinou a suspensión das actividades no exterior das instalacións dos centros educativos da provincia da Coruña a partir das 18:00 horas deste venres 7 de febreiro.

en consecuencia, e vistas as previsións da Axencia Estatal de Meteoroloxía e de MeteoGalicia, o Departamento de Deportes informa que se suspenden as actividades de todos os campos de fútbol municipais.

A maiores, tamén permanecerán pechados os seguintes pavillóns polideportivos municipais:

- Lamas de Abade
- Monte dos Postes
- Apóstolo Santiago
- Quiroga Palacios
- Vite I (Colexio)

O resto dos pavillóns, en principio, manteñen a súa actividade ordinaria á espera de como evolucione o temporal.

Compartir: