MEDIO RURAL

O Concello destinará preto de 1,5 millóns de euros a investimentos no rural

07/02/2014 O concelleiro de Medio Rural, Luis Meijide, presentou os orzamentos para investimentos no rural compostelán neste 2014. Destinaranse 1.244.432 euros ás parroquias, ás que sumará outra partida de entre 200.000 e 300.000 euros correspondente ao plan DTC-93 da Deputación da Coruña.

Segundo apuntou o edil, a cantidade destinada neste 2014 a investimentos no rural será similar á de 2013, cando se dedicaran 1.417.659 euros. No anterior exercicio dérase un salto cualitativo no relativo aos investimentos no rural xa que o gasto fora de 692.221 euros en 2012, de 610.285 euros en 2011 e de 741.956 euros en 2010.

A maior partida, 794.316 euros, destinarase a 37 actuacións en 17 parroquias, fundamentalmente de asfaltado e reparación de pistas e de colocación de sinalización nas mesmas. Traballarase en vieiros de Santa Cristina de Fecha, San Xoán de Fecha, Grixoa, San Caetano, A Peregrina, Nemenzo, Busto, Marantes, O Carballal, O Eixo, Marrozos, Sabugueira, Bando, Berdía, Villestro, Laraño e Aríns.

Non obstante, o maior investimento (148.777 euros) corresponderá á instalación do saneamento na parroquia de Bornais (O Eixo). Complementarán estas actuacións a a reparación das pistas do Refuxio de Pescadores (A Barciela) e de Lobra a Pereiras (entre Berdía e San Caetano).

Neste gasto de 794.316 euros inclúense os proxectos que se incluirán no Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña (POS 2014) e no POS Adicional do organismo provincial. O concelleiro agarda que a maioría destas obras se poidan licitar nos meses de maio e xuño.

Esta partida complétase cunha de 60.000 euros para reparación e mantemento de edificios e construcións; con outra de 30.000 para estudos e traballos técnicos; cunha polo mesmo importe para mobiliario de espazos, parque se prazas públicas; e con outra máis de 80.117 euros para reparacións e mantemento de camiños veciñais, onde se figurará a obra de mellora do vieiro de Forte a Frades (Enfesta).

A isto hai que sumar os 250.000 euros que se reservan para o contrato anual de mantemento para rozas e tapado de fochancas no rural. Este servizo é unha novidade en 2014 e permitirá realizar estas tarefas de forma permanente e segundo as necesidades, en troques de ter que contratar o servizo cada vez.

Desenvolvemento rural
Luis Meijide aproveitou a rolda de prensa para anunciar que, xunto co outro edil encargado do seguimento do rural, José María Rosende, está traballando nun proxecto de microcooperativas para o rural. "Tal como está o mercado laboral, cremos que pode ser unha boa opción para xente que ten no rural amplas extensións do terreo mal explotadas", dixo. Trasladaríase así a Santiago un modelo que xa se vén implantando con éxito noutros lugares de España.

Tamén nesta liña de mellora da calidade de vida do medio rural compostelán, estase elaborando un Plan de Desenvolvemento Rural. En poucas semanas estará listo este documento, que marcará as estratexias a seguir para a potenciar o medio rural nun horizonte de cinco a dez anos.

Documentos relacionados



Compartir: