TURISMO

Santiago de Compostela, no Salon des Vacances de Bruxelas, a feira de turismo máis importante do Benelux

07/02/2014 As Cidades Patrimonio da Humanidade continúan coa posta en marcha das accións de promoción previstas no Plan Operativo 2014, presentado pola Comisión de Turismo do Grupo o pasado 13 de xaneiro. Como nova campaña internacional para a captación de viaxeiros, o Grupo está presente do 6 ao 10 de febreiro en Bélxica presentando os seus destinos no Salon des Vacances de Bruxelas. A Santiago de Compostela resúltalle especialmente estratéxica esta presenza na capital belga, xa que, dende o 3 de maio, a cidade estará unida con Bruxelas a través de tres voos semanais coa compañía Vueling.

O Salon des Vacances é unha das feiras de turismo máis importantes de Europa e, sen dúbida, a principal feira da industria turística de cantas se desenvolven en Bélxica. Dirixida especialmente ao consumidor final, convértese no escaparate ideal para promover os 65 países que se dan cita no recinto feiral, unha oferta que poderán coñecer de primeira man os preto de 300.000 visitantes que a organización espera.

As Cidades Patrimonio dispoñerán neste evento dun espazo propio no expositor de Turespaña, dende o que un técnico da organización atenderá aos potenciais clientes do mercado belga, un emisor de especial atractivo para os destinos patrimoniais, polo seu poder desestacionalizador e a súa fidelidade, e con intereses concretos en produtos de natureza, cultura, enogastronomía ou aprendizaxe do español.

O viaxeiro belga decántase por vacacións 'fly&drive' -avión e coche-, hoteis, caravana e cámping principalmente, xa que son grandes afeccionados a coñecer o destino pola súa conta. Tamén se caracteriza por realizar un maior gasto diario e unha superior duración da súa estanza respecto a visitantes doutros países. Hai que ter en conta que Bélxica ten unha renda per cápita alta en comparación coa media da UE, con niveis moi similares a países como Suecia, Finlandia ou Alemaña, motivos polos que o mercado belga sen dúbida é dos máis interesantes de Europa nas circunstancias actuais.

España é o segundo país de destino das viaxes ao estranxeiro dos belgas, por detrás de Francia, con preto de dous millóns de viaxeiros en 2013, cun crecemento interanual do 8,8% e un incremento do gasto total do 18,3%.

Plan Operativo de 2014
O Plan Operativo de Turismo do Grupo de Cidades Patrimonio aposta pola presenza nas feiras máis importantes do mundo: Vakantiebeurs, de Utrecht (celebrada en xaneiro), Salon des Vacances de Bruxelas, ITB de Berlín e JATA de Tokyo, foros nos que o Grupo presentará de forma conxunta o seu produto especializado de turismo cultural co selo de excelencia que lle outorga o selo de Patrimonio Mundial da UNESCO.

Xunto aos mercados maduros para o Grupo, como os países europeos, a acción de promoción dirixirase a América, con campañas de presentación de produto en Estados Unidos (Los Ángeles e Dallas) e o Cono Sur (Arxentina, Chile e Perú), e a países emerxentes nos que a asociación vén traballando dende anos: Brasil, India, China e Rusia. Tamén se continuará a presenza en Xapón, cunha promoción en Tokyo que coincidirá coa clausura do Ano Dual España-Xapón. Nestas accións contarase coa colaboración de Turespaña, Madrid Destino e Rede de Cidades AVE.

Continuarase coa organización de viaxes de familiarización que permitan a xornalistas e axentes de viaxes de todo o mundo visitar e coñecer de primeira man as 13 cidades, e, en colaboración con Turespaña, realizaranse presentacións técnicas ante os principais turoperadores de diversos países e participarase en accións de visibilidade destinadas a público final en importantes cidades europeas como Roma, Frankfurt ou París.

Durante 2014, o Grupo promoverá tamén os seus destinos dentro do mercado nacional, nun ano que se prevé de recuperación económica, de maneira que se organizarán accións de promoción nas grandes cidades co obxectivo de atraer o visitante nacional ao produto patrimonial e cultural exclusivo que ofrecen as 13 cidades. Outra das liñas de traballo será promover o intercambio de viaxeiros entre as propias cidades do Grupo, de maneira que cre un fluxo de viaxeiros a xeito de rede cunha serie de accións de fidelización e vantaxes.

As redes sociais do Grupo, en coordinación coas propias de cada unha das 13 cidades, xunto con promocións e campañas en soporte dixital, complementarán o traballo promocional recollido no Plan Operativo.

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España é unha asociación sen ánimo de lucro creada en 1993 cuxo obxectivo é actuar de maneira conxunta na defensa e na promoción cultural e turística do patrimonio das 13 cidades que o compoñen, cuxos cascos históricos foron recoñecidos pola UNESCO como Patrimonio Mundial: Alcalá de Henares, Ávila, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza/Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona e Toledo

Compartir: