CENTROS SOCIOCULTURAIS

Actividades de inmersión lingüística no marco do Programa de Voluntariado Europeo nos centros socioculturais

07/02/2014 A Concellería de Centros Socioculturais, continuando co seu programa de accións de achegamento ás linguas e culturas e no marco do Programa de Voluntariado Europeo (Erasmus +), realiza durante este curso actividades gratuítas de inmersión lingüística nos centros socioculturais de Fontiñas, Santa Marta, Castiñeiriño e, proximamente, Vite.

Conversas en inglés desenvólvese os mércores de 18:00 a 19:00 horas no CSC das Fontiñas, e Conversas en alemán os xoves de 19:30 a 20:30 horas. No CSC de Santa Marta impártese Inglés para nenos os mércores de 18:00 a 19:30 horas; Inglés para adolescentes o mesmo dia de 19:30 a 20:30 horas; Italiano para mozos (+ de 16 anos) e adultos os venres de 19:00 a 20:30 horas.

Este curso son catro os mozos europeos que participan ata o 31 de xullo de 2014 no proxecto de colaboración de Voluntariado Europeo que, coordinado a través de Don Bosco en Santiago, converte aos centros socioculturais en entidades de acollida de mozos europeos.

Estes desenvolven fundamentalmente actividades de dinamización e inmersión lingüística, ademais de achegarse ás actividades cotiás dos centros en espazos como as aulas de xogo e os obradoiros. Ademais, conviven durante todo un curso cos equipos de profesionais da rede de centros, obtendo así unha experiencia práctica e vivencial do traballo sociocultural.

O concelleiro Francisco Noya participou na actividade Conversas en alemán no CSC das Fontiñas, compartindo cos usuarios e coa voluntaria europea esta sesión de intercambio e achegamento lingüístico.

Achégate a outras culturas e outras linguas
A Concellería de Centros Socioculturais segue tamén cos obradoiros regulares do seu programa Achégate a outras culturas e outras linguas, impartindo seis obradoiros en distintos centros socioculturais da rede: achegamento ás culturas e ás linguas alemá e americana nos CSC de Fontiñas e de Santa Marta; achegamento á lingua árabe no CSCX do Ensanche; e achegamento ás culturas e ás linguas anglosaxona e americana no CSC de Conxo.

Ademais, durante este curso estanse realizando 13 talleres regulares de lingua inglesa. Comezaron en outubro e rematarán en xuño nos centros socioculturais da Gracia, Aríns, Bando, As Cancelas, Casa Agraria, Casco Histórico, Amio, Vite, Figueiras, Sar, A Trisca, Villestro e A Almáciga, algúns deles complementados a través de accións propias das asociacións veciñais.

Compartir: