FESTAS

Centos de persoas pasearán polas rúas de Compostela co tradicional traxe galego

21/07/2006 O concelleiro de Festas de Santiago, Xosé Baqueiro, e a presidenta da Asociación do Traxe Galego, Pilar Domínguez, presentaron a vixésimo oitava edición do Día do Traxe Galego, que terá lugar dentro do marco das Festas do Apóstolo o venres, 28 de xullo. Pilar Domínguez fixo un percorrido pola historia desta celebración e da Asociación do Traxe Galego, lembrando o crecemento que experimentou nos últimos anos a participación da xente neste día. Ademais, resaltou que a Asociación ocúpase doutras tarefas como poden ser a confección de bonecas ou impartir conferencias onde son solicitadas.

Dende a Asociación queren facer un chamamento aos cidadáns para que saian ás rúas ataviados cos típicos traxes galegos, aínda que non participen nas actividades programadas. Segundo sinala Pilar Domínguez, "cómpre acabar coa marxinación que existe en Galicia e impulsar as nosas tradicións e valores; hai que ser defensores da nosa cultura".

Concha Losada, unha das organizadoras do Día do Traxe Galego, sinala que se espera que "centos de persoas paseen cos seus traxes galegos polas rúas da cidade o vindeiro día 28, aínda que ao certame soen acudir unhas 70 persoas". Tamén destacou que esta celebración é, de todas as que forman parte das Festas, "a que máis necesita da participación de todos os cidadáns".

Na edición deste ano haberá unha nova modalidade de premio dirixido a aquelas pezas antigas dos traxes que quedaron soltas. Poderán ir acompañadas por prendas modernas pero que presenten consonancia unhas con outras. É unha forma de rescatar as pezas antigas dos traxes que están esquecidas nas casas. Ademais, a Asociación do Traxe Galego presta durante todo o ano e, especialmente nestas datas, os traxes que teñen. Concha Losada tamén resaltou que cómpre que os traxes de asociacións de baile e música sexan tamén prestados para celebrar este día.

No transcurso da xornada recibirá a medalla de ouro da Asociación Jesús Precedo Lafuente, e a Agrupación Cultural Maruxía de Laxe será distinguida cun diploma especial.

Compartir: