XUNTA DE GOBERNO

As persistentes choivas obrigan a prorrogar a finalización das obras da rúa de San Pedro

06/02/2014 A voceira da Xunta de Goberno, María Pardo, informou en rolda de prensa dos acordos da Xunta de Goberno ordinaria, así como dos tratados nunha sesión extraordinaria o venres 31. Nesta última acordouse a prórroga das obras da rúa de San Pedro ata finais de marzo.

A concelleira indicou que as condicións meteorolóxicas adversas e persistentes, sumadas aos retrasos causados no seu día polo deterioro da rede de abastecemento detectado nas catas iniciais, obrigan a esta segunda prórroga do prazo de remate das obras. Expresou o seu desexo de que ao fin mellore o clima para que as obras poidan avanzar máis rapidamente. En calquera caso, indicou que de ningún modo se colocará a lousa ata que deixe de chover, para que frague correctamente.

Na mesma Xunta de Goberno extraordinaria, aprobouse o proxecto de conexión entre as rúas Canfranc e Manuel Vázquez Cacharrón, en Pontepedriña, actualmente separadas por unha beirarrúa, o que obriga os vehículos a dar un importante rodeo para acceder á segunda.

Benestar Social
Xa na Xunta ordinaria e no ámbito de Benestar Social, aprobouse un convenio entre a USC e o Concello para a realización do prácticas do alumnado do Máster Universitario en Psicoloxía Xeral Sanitaria da Facultade de Psicoloxía. As prácticas serán realizadas na Unidade Municipal de Atención ás Drogodependencias (UMAD).

Ademais, deuse conta da concesión ao Concello dunha subvención para o programa de prevención de drogodependencias "Versión 2.0" en 2014, por un importe de 38.571 euros, que achega o Ministerio de Sanidade e Servizo Sociais procedente de bens decomisados. Para este programa, a achega do Concello é de 16.530 euros.

A Consellería de Sanidade concedeu outra subvención, neste caso de 97.660 euros, para o desenvolvemento do proxecto de prevención de drogodependencias e condutas aditivas do Concello de Santiago, que executa a UMAD. Para este programa a achega do Concello é de 5.140 euros.

Seguridade e Mobilidade
O Goberno local aprobou igualmente o alleamento de dous camións do parque de Bombeiros por mor do seu estado obsoleto. Serán alleados por unha empresa privada, polo prezo de 2.000 euros. Esta tamén asumirá os custos de traslado dos camións. Con este trámite aforrarase o mantemento e os gastos administrativos derivados dos mesmos e permitirá habilitar máis espazo na explanada do devandito parque, no que permanecían estacionados.

Centros Socioculturais
Outro dos acordos foi a solicitude dunha subvención de 140.000 euros á Deputación da Coruña para o sostemento dos centros socioculturais do ámbito rural en 2014. O Concello achegaría outros 35.000 euros.

Tamén se solicita unha subvención, neste caso de 144.000 euros para o sostemento do Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche. A achega municipal sería de 36.000 euros.

Documentos relacionados



Compartir: