XUVENTUDE

Elixidos os 12 finalistas noveis do I Certame de Música SantiAutor

06/02/2014 Rematado o 28 de xaneiro o prazo de inscrición no I Certame de Música SantiAutor para artistas noveis, organizado pola Concellería de Xuventude xunto coa Sala Sónar, e reunido o xurado, este elixiu os 12 finalistas: Yeyo, Adán Jorge, Carlos Valiño, The L Adelines Garden, Rubén Artabe, Daniel Royo, David Prado, Su Garrido, Sheila Patricia, Miguel Alonso, Plan Siberia e Fátima Baña.

Estes doce finalistas participarán nos concertos finais que se celebrarán os días 13, 21 e 27 de febreiro na Sala Sónar. As actuacións realizaranse a partir das 22:00 horas, con entrada libre ata completar o aforo do recinto. O nome dos gañadores farase público o 28 de febreiro, no transcurso do concerto inaugural do festival SantiAutor. Os gañadores faranse públicos o día 28 de febreiro no transcurso do concerto inaugural do V Festival SantiAutor, no que se enmarca este concurso.

Participan neste certame cantautores cunha idade non superior aos 35 anos e que non teñan ningún disco editado. Os interesados debían presentar unha maqueta con dous temas orixinais e as letras das dúas cancións a concurso.

En cada un destes tres concertos actuarán catro dos finalistas, que disporán dun tempo máximo de 20 minutos cada un. Deberán interpretar, cando menos, os dous temas presentados na maqueta, podendo completar o concerto con outras cancións do seu repertorio ata esgotar o tempo máximo.

O premio para os gañadores será ser teloneiros dos participantes no V Festival SantiAutor. Ademais, o primeiro clasificado actuará en dous concertos e, o segundo, nun concerto, como artistas principais, na Sala Sónar.

Festival SantiAutor
O Festival SantiAutor chega xa á súa quinta edición. Para celebrar estes cinco anos dun certame xa consolidado, programáronse oito concertos na Sala Sónar. O primeiro celebrarase o 28 de febreiro e terá como protagonista un artista novo compostelán, Fredi Leis.

O 8 de marzo será a vez do violinista madrileño Marino Sáiz, mentres que o 15 dese mesmo mes actuará Xabier Díaz, unha das voces máis autorizadas do panorama musical galego. O seguinte concerto será o de Luis Ramiro, un dos referentes da nova música de autor española, o 22 de marzo. Pechará o programa do mes, o día 22, a cantante cántabra Gastelo.

O certame completarase en abril con outros tres concertos, o primeiro dos cales será o do cantautor catalán Rafa Pons (5 de abril). Para o 12 de abril preparouse un concerto dobre a cargo de Rozalén e Paco Cifuentes. Esta edición 2014 do SantiAutor concluirá co agardado concerto de Marwan.

Compartir: