CONSORCIO

O Consorcio intervirá na recuperación e rehabilitación do patrimonio cun orzamento global de algo máis de medio millón de euros

05/02/2014 O Consorcio de Santiago celebrou a súa Comisión Executiva, presidida polo alcalde e presidente do Consorcio, Ángel Currás. Entre os temas abordados destaca a aprobación da convocatoria de subvencións e do Programa de Monumentos para este ano, e as bases que regulan o acceso ao Curso Avanzado de Especialización Orquestral para o curso académico 2014-2015.

O Consorcio inicia unha nova campaña centrada na renovación do parque construído no casco histórico, polo que se busca a implicación dos cidadáns co propósito de lograr a súa mellora. Xunto á conservación dos valores da propia cidade histórica, procúrase a eficiencia enerxética, co consecuente aforro no consumo para os propietarios. Así, dende o organismo animan aos veciños a que se acollan ás subvencións destinadas á rehabilitación de madeiras e reixas dos inmobles e vivendas situadas no ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica.

Estas axudas teñen por obxecto fomentar, por un lado, a execución de obras de rehabilitación, restauración ou reposición daqueles elementos especiais e de interese arquitectónico de madeira, tales como galerías, fiestras ou portas de entradas aos edificios. Por outro lado, búscase promover a restauración das reixas e elementos de ferro existentes en portais, fiestras e balcóns, o que inclúe a reparación de pedras de soporte deterioradas. O importe total das axudas ascende a 80.000 euros.

Programa de Monumentos
A Comisión Executiva do Consorcio aprobou ademais o Programa de Monumentos para 2014. Cun orzamento global de 538.034 euros, realizaranse varias intervencións dirixidas á rehabilitación e recuperación do patrimonio.

No convento de Santa Clara vaise reparar a tarima da igrexa, moi deteriorada pola humidade. E continuarase coa segunda fase de intervención nas reixas de fundición que protexen todas as ventás da fachada principal do convento.

De cara a resolver todos os problemas derivados do estado de conservación do Teatro Principal, proponse unha serie de actuacións que inclúen a mellora da accesibilidade. Deste xeito, está prevista a renovación da maquinaria de climatización, vestiarios e sala de máquinas; mellorarase a iluminación para diminuír o consumo enerxético; actualizarase a instalación de protección contra incendios; xunto con obras de mantemento da estrutura de madeira do edificio e das súas cubertas.

Tamén se realizará unha limpeza da fachada sur do Pazo de Raxoi. Renovaranse as carpinterías e intervirase sobre as varandas de forxa e sobre a cantería de pedra, elementos afectados pola corrosión.

Retellarase parcialmente o corpo claustral da Colexiata do Sar, con problemas de impermeabilización. Ademais, intervirase sobre a cuberta e os revocos da igrexa de San Miguel dos Agros, posto que as filtracións de auga no interior da igrexa están a danar o órgano antigo. No caso das fachadas da igrexa de Santa María de Berdía, os seus revocos exteriores están moi afectados por fisuras e desprendementos, o que provoca que entre a auga da chuvia.

18 prazas para o Curso Avanzado de Especialización Orquestral
No ámbito musical, aprobáronse as bases de acceso ao Curso Avanzado de Especialización Orquestral para o curso académico 2014-2015. É un curso de posgrao recoñecido como título propio da Universidade de Santiago e que se imparte na Escola de Altos Estudos Musicais. Realizaranse probas para cubrir as prazas que se ofertan nas diferentes especialidades instrumentais, un total de 18. Trátase das especialidades de violín, viola, violonchelo, contrabaixo, óboe, frauta, clarinete, fagot, trompa, trompeta e percusión.

Colaboración para proxectos culturais
Renováronse varios convenios que xa se veñen mantendo con diferentes organismos da cidade para a realización de actividades culturais. É o caso do Festival Cineuropa co Auditorio de Galicia, os fogos do Apóstolo co Concello de Santiago, o programa ConCiencia da Universidade de Santiago e o Curso de Música en Compostela con Música en Compostela, ademais da colaboración habitual coa Fundación Eugenio Granell.

Compartir: