DESENVOLVEMENTO URBANO E SOSTIBLE

A Área de Desenvolvemento Urbano e Sostible estrea unha web con vocación de transparencia e de proximidade ao cidadán

05/02/2014 A concelleira responsable de Desenvolvemento Urbano e Sostible, María Pardo, presentou a nova web desta área, dus.santiagodecompostela.gal, que recolle toda a información relativa aos diferentes departamentos que aglutina. En palabras da edil, esta web nace cunha vocación de transparencia, servizo, eficacia e achegamento ao cidadán.

Tal como indicou a concelleira, este portal pretende ser unha ferramenta de información, difusión e participación cos cidadáns e outras entidades. Agrupa nun único sitio todos os instrumentos, noticias, tramitacións e informacións específicas da Área de Desenvolvemento Urbano e Sostible, que agrupa os seguintes departamentos: Parques e Xardíns; Medio Ambiente e Sanidade; Medio Rural; Obras e Infraestruturas; Licenzas e Disciplina; Planeamento e Xestión; Cidade Histórica, Espazos Urbanos e Rehabilitación; e Cemiterios e Outros Servizos. A todos eles poderá accederse a través dunha navegación simple e doada, especialmente orientada a dispositivos como tablets ou smartphones.

María Pardo apunta na presentación da web que o seu obxectivo é "achegar a administración al cidadán, unha administración máis próxima e transparente que permita desenvolver unha mellor prestación dos servizos, unha mellor comprensión das necesidades reais dos veciños de Santiago de Compostela".

Entre os aspectos os recursos que o visitante poderá atopar na nova web, a concelleira destacou algúns como a súa propia axenda diaria, o acceso ao perfil do contratante, a consulta de toda a documentación relacionada cos proxectos previstos ou en marcha, o acceso a toda a información urbanísitica do Concello a través a aplicación de urbanismo en rede, a realización das xestións habituais que se seguirán incorporando á administración electrónica, a consulta das noticias e novidades máis destacadas, o acceso aos diferentes servizos ou a participación activa nas redes sociais. Ademais, incorporouse un acceso directo á Concellería para as asociacións de veciños, que poderán trasladar directamente as súas suxestións ou queixas. Nun futuro próximo, os propios veciños tamén terán a oportunidade de comunicar incidencias.

Compartir: