ALCALDÍA

Pechado o acordo para a construción da estación intermodal do AVE

21/07/2006 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, aproveitou a visita do secretario de Estado de Infraestruturas e Planificación, Víctor Morlán, con motivo da apertura do vieiro Sar-Pontepedriña, para abordar diversas cuestións que afectan ás infraestruturas da cidade. Entre elas, confirmou que xa está listo para a súa sinatura o convenio entre o Ministerio de Fomento, a Consellería de Política Territorial e o Concello de Santiago que posibilitará a construción da nova estación do AVE.

O alcalde explicou que o convenio fixa os termos en que se construirá a estación, que integrará as estacións do tren e de autobuses e que contará con varios niveis cara abaixo dende a altura da actual escaleira. Haberá 1.800 prazas de aparcadoiro subterráneo e catro espazos reservados para uso terciario e residencial. A previsión da nova estación figurará no Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOM) a piques de aprobarse.

O novo complexo de transporte estará preparado para dar servizo a un mínimo de cinco millóns de viaxeiros e a un máximo de sete. Cómpre lembrar que a actual estación, a que máis movemento xera en Galicia, dá soporte a dous millóns de viaxeiros.

Outra das cuestións que ratificou Víctor Morlán coma compromiso do Ministerio de Fomento é a ampliación a tres carrís do tramo da autopista que transcorre por Santiago entre os quilómetros 67 e 75. Para o vindeiro ano encargarase o proxecto para esta obra.

O alcalde e o secretario de Estado tamén falaron do cumprimento dos compromisos fixados no convenio asinado entre Fomento e o Concello en xuño de 2005. Sánchez Bugallo felicitouse de que o vindeiro ano poidan estar rematadas ou en construción as cinco infraestruturas previstas neste acordo. Así, rematado o vieiro de conexión entre Sar e Pontepedriña –pendente da súa ampliación a catro carrís en función da nova estación intermodal–, poderase abordar a execución do túnel de Galuresa e do cuarto xiro de Cornes.

As outras dúas infraestruturas contempladas no convenio son a remodelación do enlace co Polígono do Tambre e a ampliación a tres carrís no periférico de Santiago, entre os puntos quilométricos 1,480 e 2,080.

Compartir: