SEGURIDADE CIDADÁ E BRIGADA

O temporal de choiva e vento do martes saldouse sen apenas incidencias

05/02/2014 A concelleira de Tráfico e Seguridade Cidadá en funcións, Cecilia Sierra, e o edil responsable da Brigada de Vías e Obras, Juan de la Fuente, compareceron en rolda de prensa para informar das incidencias con motivo do temporal de choiva e vento deste martes. Sen apenas incidencias pechouse unha xornada na que unha vez máis se activou o operativo de emerxencias integrado por Policía Local, Bombeiros, Protección Civil, Brigada de Vías e Obras e as concesionarias Urbaser e Viaqua.

Cecilia Sierra lembrou que as horas de maior intensidade do temporal foron entre as 14:00 e as 17:00 horas. Neste sentido, aludiu aos fortes ventos e á recollida de ata 50 litros por metro cadrado. A incidencia máis destacable foi o arrastre ao río Sar dun vehículo que se atopa estacionado nas inmediacións do Multiusos Fontes do Sar. Os bombeiros procederon a atar o vehículo á espera de que sexa retirado mediante unha grúa polo propietario.

En canto ao resto de incidencias, a concelleira referiuse a caídas de árbores na zona de Lavacolla, ao corte preventivo da rúa Suarribas ante o previsible aumento do caudal de auga, a caída dunha árbore sobre un vehículo na rúa do Profesor Lagaz Lacambra e a caída dunha lousa sobre outro coche na rúa da Devesa.

O concelleiro Juan de la Fuente informou tamén sobre as actuacións realizadas pola Brigada de Vías e Obras, en coordinación coas concesionarias Urbaser e Viaqua. Salientou as inundacións producidas en sete rúas como consecuencia da incapacidade da rede de sumidoiros para absorber todo o caudal de auga nos momentos de choiva máis intensa, así coma o envorcado e desprazamento duns 90 colectores do lixo e o levantamento de arquetas de sumidoiros.

O operativo de emerxencia seguirá activado ante a anunciada entrada doutro temporal na xornada do xoves.

Compartir: