CULTURA

A RFG, León Benavente, Andrea Motis, Quique González e a Banda Municipal, propostas musicais da semana

03/02/2014 Esta semana ofrece cinco propostas musicais na programación cultural do Concello. Como é habitual cada semana, haberá concerto de abono da Real Filharmonía de Galicia o xoves no Auditorio e da Banda Municipal de Música o domingo no Teatro Principal. A elas únense outras tres propostas musicais: o xoves 6, León Benavente estarán na Zona C dentro do Compostela Rock, ciclo que tamén ofrece un concerto con Quique González o sábado 8 na Sala Capitol. E da man de Sons’14 Jazz chegan Andrea Motis & Joan Chamorro Group o venres 7 ao Teatro Principal.

A Real Filharmonía de Galicia ofrece o habitual concerto dos xoves ás 21:00 horas no Auditorio de Galicia, dentro do programa de abono, dirixida por Paul Daniel. Nesta ocasión tamén estará o pianista Behzod Abduraimov e o programa inclúe obras de Dean, Mendelssohn e Beethoven. Antes do concerto, ás 20:00 horas, haberá unha nova cita do Convers@ndo con…, que nesta ocasión terá como protagonista ao director titular da RFG, Paul Daniel.

O mesmo xoves, pero na Zona C, poderemos escoitar, tamén ás 21:00 horas, a León Benavente dentro do ciclo Compostela Rock. Trátase dun cuarteto de curta vida, formado por algúns dos músicos máis reputados da escena alternativa estatal, onde sobresaen por dereito propio os nomes de Abraham Boba e Luís Rodríguez, ambos fieis escudeiros na traxectoria solista de Nacho Vegas, aos que nesta aventura súmase o bo facer dos non menos importantes Edu Baos, membro de Tachenko, e César Verdú, militante nos murcianos Schwarz. Presentan o seu primeiro disco, León Benavente.

O venres 7 chegan ao Sons’14 Jazz Andrea Motis & Jian Chamorro Group. Esta nova artista, Andrea Motis, canta cunha gran personalidade e tamén toca o saxo e a trompeta. Diso ten gran parte de responsabilidade o seu mentor Joan Chamorro. O traballo que está facendo este saxofonista (entre outros instrumentos) veterano do jazz catalán dende a Sant Andreu Jazz Band, a big band máis nova de Europa, é sensacional. Poderemos escoitar a ambos ás 21:00 horas no Teatro Principal.

Quique González chega a Compostela dentro do ciclo Compostela Rock para presentar o seu novo disco, Delantera mítica. Será o sábado 8,ás 21:30 horas, na Sala Capitol. Neste último traballo conta de novo con Brad Jones na produción e na gravación participan músicos da banda actual de Emmylou Harris. Tamén participa a vocalista Zahara. César Pop e Leiva (Pereza) colaboran na composición da música dalgunhas das cancións do disco.

O domingo 9 teremos concerto coa Banda Municipal de Música ás 12:30 horas no Teatro Principal. Nesta ocasión ofrecen un concerto familiar no que, baixo o nome de Vaia banda! estarán acompañados por Odaiko Percussion Group.

Entradas no Principal
As entradas para todos os concertos poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal, que está aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas e os días de concerto.

Compartir: