FESTAS

Aberto o prazo de inscrición no desfile-concurso do martes de Antroido

04/02/2014 Xa está aberto o prazo para inscribirse e participar no desfile-concurso do Antroido 2014, que terá lugar o martes 4 de marzo. Repartiranse 12.220 euros en premios, manténdose os importes dos anos anteriores. O concelleiro de Festas, Francisco Noya, presentou en rolda de prensa as bases deste desfile e do concurso infantil de disfraces.

O tradicional desfile do martes de Antroido está aberto a todas as asociacións, barrios, comunidades, colexios e persoas que o desexen. Comezará ás 17:30 horas na Estación do Ferrocarril, seguindo o seguinte itinerario: Romero Donallo, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo e Senra, para rematar na avenida de Xoán Carlos I. Unha vez rematado o desfile as carrozas aparcarán na avenida de Coruña e as comparsas participantes irán ao paseo central da Alameda.

A inscrición para o desfile-concurso formalizarase na Concellaría de Festas (Teatro Principal - rúa Nova, 21) ata as 14:00 horas do luns 3 de marzo.

Haberá varias categorías de participación: carrozas, comparsas, grupos, parellas e individual. Os elixidos como gañadores polo xurado repartiranse 12.220 euros en premios. Nas categorías de carrozas e comparsas, os primeiros clasificados levarán 2.000 euros, polos 400 que levará o mellor grupo, os 300 da mellor parella o os 200 do mellor disfrace individual. Ademais, haberá premios especiais para as mellores comparsas procedentes das parroquias e barrios do municipio.

Concurso infantil
O desfile e concurso infantil de disfraces celebrarase o domingo 2 de marzo, a partir das 17:00 horas, na Sala Capitol. Está dirixido a nenos e nenas de ata 14 anos. A inscrición é gratuíta e realizarase na mesmas ala.

Establécense tres categorías de participación: individual, parella e grupo a partir de tres persoas. Haberá premios para os tres primeiros clasificados nas modalidades de grupo e de parella, e para os cinco mellores disfraces individuais. Os galardóns outorgaranse en metálico (200, 150 e 100 euros) para os mellores grupos, mentres que o resto de premiados recibirán tablets, libros electrónicos, cámaras dixitais ou equipos de música.

Centros socioculturais
Ademais, o concelleiro anunciou tamén a preparación de dúas comparsas nos centros socioculturais para desfilar o martes de Antroido. Todos aqueles rapaces e rapazas que o desexen poderán participar nunha destas comparsas e vivir activamente o desfile.

As familias interesadas deben dirixirse aos centros socioculturais, onde se lles dará toda a información sobre a temática destas comparsas, a preparación dos disfraces, etc. O edil expresou o seu desexo de que este ano acompañe a meteoroloxía, permitindo así a participación do maior número posible de nenos e nenas.

En relación tamén aos centros socioculturais, indicou que estes terán una ampla e variada programación de Antroido, que se presentará proximamente.

Francisco Noya indicou que o orzamento do Antroido se manterá este ano no entorno dos 56.000 euros de 2013. Neste sentido, referiuse ao axuste que a actual situación económica obrigou a realizar nos custos desta celebración, "lonxe dos 72.000 euros de 2012 ou dos 102.000 euros de 2011, e máis lonxe aínda dos 130.000 de 2007".

Pode obterse máis información sobre o desfile do martes de Antroido e sobre o concurso infantil no teléfono 981 542 347, no fax 981 542 348 ou a través do correo electrónico tprincipal@santiagodecompostela.gal, ademais de no propio Teatro Principal.

Compartir: