EDUCACIÓN E URBANISMO

O remate das obras exteriores da ludoteca de Fontiñas permitirá ao fin contratar a súa xestión e abrir este equipamento

03/02/2014 As concelleiras de Urbanismo, María Pardo, e de Educación, María Castelao, visitaron a ludoteca de Fontiñas, co obxecto de avaliar as obras de acondicionamento exterior realizadas. Esta actuación supuxo un investimento de 23.000 euros.

Segundo indicou María Pardo, estas obras eran unha obriga normativa para poder solicitar os permisos necesarios de apertura desta ludoteca. Así, lembrou María Castelao que a obra do edificio está rematada dende o ano 2009. Non obstante, denunciou que no seu momento o proxecto non contemplara a delimitación exterior do recinto, necesaria legalmente para abrir a ludoteca. Antes xa se tivera que solucionar outra deficiencia, adaptando o elevador á normativa.

A obra consistiu fundamentalmente na construción dun valado metálico, de 1,5 metros de altura, que delimita a parcela na que se sitúa a ludoteca e que impedirá a saída ao exterior do recinto dos rapaces e rapazas. Ademais, realizouse a sinalización exterior e construíuse un camiño dende a beirarrúa a unha das portas de acceso. Tamén se axardinou o exterior da ludoteca.

Rematadas as obras, cómpre que as revise a Inspección da Xunta de Galicia. Unha vez obtidos os permisos de apertura necesarios, procederase a licitar a xestión da ludoteca e a abrir definitivamente a mesma, que complementará e ampliará a oferta de lecer da cidade para os máis pequenos.

Compartir: