INFRAESTRUTURAS

O novo enlace entre Sar e Pontepedriña abre unha alternativa á rotonda de Galuresa

21/07/2006 Os composteláns dispoñen xa dunha nova estrada entre Sar e Pontepedriña, que aliviará a circulación nunha das principais áreas de entrada á cidade. A vía abriuse nun acto no que participaron, entre outros, o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; o secretario de Estado de Infraestruturas e Planificación, Víctor Morlán Gracia; a conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, e o delegado do Goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras.

Este enlace, no que se investiron 4,4 millóns de euros, ten unha lonxitude de 780 metros supón unha alternativa á conxestionada rotonda de Galuresa. Os condutores que queiran realizar o tramo entre a Avenida de Lugo e o Castiñeiriño xa non teñen que pasar por Ramón Ruibal e pola rotonda. Poden enlazar directamente dende a gran glorieta de Pontepedriña coa de Sar.

A vía abrese inicialmente con dous carrís, dun ancho total de sete metros, pero está previsto que finalmente teña catro, tal como figura no proxecto modificado da mesma. Posteriormente, este vieiro quedará conectado coa futura estación intermodal do AVE.

Compartir: