CULTURA

Catorce novas propostas musicais ata xuño no ciclo Compostela Rock

30/01/2014 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou o cartel do ciclo Compostela Rock ata o mes de xuño. Comprende 14 propostas arredor do rock pero que recollen outros estilos musicais e que se celebrarán na Sala Capitol, Teatro Principal, Zona C, Auditorio Novagalicia Banco e Multiusos do Sar. O programa do ciclo para este 2014 xa comezou coa Orquesta Metamovida o pasado 17 de xaneiro nun exitoso concerto na Sala Capitol. Engádense agora ao programa, que se irá completando con máis propostas nos vindeiros meses, Eondry, Vicky Polard, León Benavente, Quique González, Nashville Pussy, Motorama, Marlango, Standstill, No More Lies, Gram Poder, Neil Halstead, Kezia, Rulo y la Contrabanda, Jardin de la Croix, Guerrera, Cró! e Bunbury.

Esta mesma semana, o sábado, termos unha noite de rock galego na Zona C. Dúas bandas, unha viguesa e unha compostelá, presentan os seus novos discos: Hyperborea é o título do primeiro EP de Eondry, agrupación de rock progresivo de Vigo, e Biolise é o nome que puxeron os composteláns Vicky Polard ao seu terceiro traballo discográfico. Xa en febreiro, o día 6 e tamén na Zona C chega León Benavente, cuarteto de curta vida formado por algúns dos músicos máis reputados da escena alternativa estatal: Abraham Boba, Luis Rodríguez, Edu Baos e César Verdú.

O 8 de febreiro teremos na Sala Capitol a Quique González, que presentará o seu novo disco, Delantera Mítica, para o que de novo contou con Brad Jones na produción e na gravación participaron músicos da banda actual de Emmylou Harris. Tamén na Capitol, pero o día 12, chegará a Compostela Nashville Pussy, a voz feminina do hardcore americano. Trátase da única data no norte da Península da súa actual xira. O 16 de febreiro será a cita con Motorama na Zona C. Dende unha das escenas musicais más descoñecidas de Europa, a rusa, chegan por primeira vez a Galicia.

E o día 22 estará na Sala Capitol Marlango, que está de volta e esta vez chega co seu primeiro disco en español. O traballo titúlase Un día extraordinario e nel a banda presenta un disco máis luminoso que os seus traballos anteriores, enraizado entre o jazz e o pop, coa sorpresa de escoitar a Leonor Watling en castelán. Pechan a programación de febreiro Standstill o día 28 no Auditorio Novagalicia Banco. Alí estarán co seu espectáculo Cénit, no que presentan o disco Dentro de la luz.

Marzo comeza con No More Lies o día 5 na Zona C. O trío formado por Santi García, Màxim Triviños e Roger Ortega ofreceranos unha dose de post-hardcore revitalizante nun concerto que abrirá o grupo de pop-rock psicodélico de Santiago de Compostela, Gram Poder. O día 19 no Teatro Principal poderemos escoitar ao británico Neil Halstead, que chega a Santiago acompañado de banda, na que será a súa primeira visita a cidade. Interpretará The Velvet Underground & Nico e previamente poderemos escoitar a Kezia. O venres 28, tamén no Principal, estarán Rulo y la Contrabanda. Dende Reinosa, Cantabria, chegan 5 músicos, 17 instrumentos, unha coidada escenografía e unha montaña rusa de sensacións que non deixará indiferente ao espectador.

En abril poderemos escoitar aos madrileños Jardin de la Croix o día 26 na Zona C. Son unha banda instrumental, formada no 2006, que practica unha mestura entre o Post Rock, Math Rock e Rock Progresivo. E o 23 de maio, tamén na Zona C, dous grupos galegos presentarán os seus últimos traballos: Guerrera e Cro!. Pecha esta programación o concerto de Bunbury no Multiusos do Sar o sábado 7 de xuño. Nel presentará o seu último traballo, Palosanto.

Entradas á venda
Neste momento están á venda as entradas para todos estes concertos e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal, que está aberto de 18:00 a 21:00 horas de martes a sábado. Ademais, as entradas poderán mercarse tamén en cada un dos recintos onde se celebra o evento o propio día do mesmo, así como noutros lugares xa específicos para cada un dos concertos.

Direcciones relacionadas



Compartir: