CULTURA

Los Secretos ofrecen un novo concerto en Santiago de Compostela o 3 de abril tras esgotarse as entradas para o día 4

29/01/2014 Los Secretos amplían a súa presenza en Santiago logo da gran demanda que están a ter as entradas para o seu directo, que xa obrigara por aforo a cambiar o emprazamento do Teatro Principal ao Auditorio Novagalicia Banco. Aínda que faltan dous meses, os tickets para o concerto do venres 4 de abril vendéronse por completo e a banda decidiu sumar unha nova cita na cidade o xoves 3.

As entradas para asistir á actuación, que comezará ás 21:00 horas, xa están á venda por un prezo de 18 euros para o anfiteatro e de 20 para o resto de localidades. Pódense adquirir no despacho de billetes do Teatro Principal, en horario de martes a sábado, de 18:00 a 21:00 horas, e a través de entradas.novagaliciabanco.es ou no 902 434 443. O propio día están ademais dispoñibles no Auditorio Novagalicia Banco, por un prezo de 22.

A banda liderada por Álvaro Urquijo ofrecerá un concerto único en formato quinteto dentro do ciclo Íntimo & Acústico. Será un recital en acústico onde repasarán todos os seus grandes éxitos, moitos deles xa convertidos en himnos da música española para varias xeracións.

Cercanía co público, grandes éxitos e calidade musical

Los Secretos comezan neste 2014 unha selecta serie de concertos, para os que decidiron escoller recintos pequenos, onde o primordial sexa a acústica e a cercanía da banda co público. A Santiago de Compostela chegan coa súa formación ao completo e importantes novidades.

Por vez primeira, introducirán novos instrumentos que nunca antes empregaran nas súas actuacións: un caixón flamenco, un baixo acústico, un piano clásico e guitarras acústicas de 6 e 12 cordas. A intención é crear unha atmosfera elegante e diferente, cargada de novas sensacións musicais. Con arranxos feitos para este formato, Los Secretos interpretarán temas do seu último disco, pero tamén farán un repaso polos múltiples éxitos da súa ampla traxectoria musical, como "Déjame" o "Pero a tu lado".

Compartir: