BENESTAR SOCIAL

Benestar Social e Executivas de Galicia buscan fórmulas de colaboración na promoción da igualdade

28/01/2014 A concelleira de Benestar, María Castelao, e Executivas de Galicia mantiveron unha reunión de traballo para explorar formulas de colaboración na promoción da igualdade e da visibilidade das mulleres na cidade de Santiago. Se ben é unha asociación de ámbito autonómico, Executivas ten a súa sede na capital galega e un bo número das súas asociadas son de Compostela.

Á reunión asistiron por parte de Executivas a súa presidenta, a xornalista Carla Reyes Uschinsky; a secretaria da asociación, a avogada Diana Outeiro; e a vogal Esther Carracedo. Tanto Executivas como a concelleira María Castelao reafirmaron o seu propósito de colaboración nas futuras actividades desta asociación, como actividades conxuntas para a celebración do próximo 8 de marzo, Día Internacional da Muller, ou a celebración este ano en Santiago dos Premios Executivas.

Executivas de Galicia agrupa a máis de 80 mulleres directivas, profesionais autónomas e empresaria de toda Galicia. Recentemente, a asociación foi seleccionada para formar parte do Consello da Muller, unha entidade consultiva sobre a realidade da situación da muller en Galicia. Executivas está a desenvolver un importante labor para alcanzar maiores niveis de visibilidade no exercicio profesional da muller galega, cunha ampla tarefa de representación en distintos foros e relación coas institucións.

Compartir: