CULTURA

Cinco novas propostas no Blues Nite ata maio

28/01/2014 Blues Nite naceu en 2013 para concentrar as propostas de diferentes estilos de música todos arredor do blues e as súas variantes e fusións. O público compostelán e artistas internacionais, nacionais e galegos xa confirmaron na primeira edición que o blues ten na cidade a forza suficiente para ter un ciclo propio. Así, o director-xerente do Auditorio de Galicia presentou a proposta do ciclo para este 2014, de xaneiro a maio, e fíxoo acompañado de Víctor Aneiros, quen protagoniza o primeiro dos concertos do ciclo. Todos os concertos serán na Sala Capitol.

Víctor Aneiros, un dos músicos máis destacados do blues feito en Galicia, estará coa súa banda este venres 31 de xaneiro, a partir das 21:30 horas. Farao acompañado da cantante canadense Julie Guravich que introduciu un toque máis internacional á banda que lidera o guitarrista galego, que ten cinco discos editados e tres deles integramente cantados en galego.

Tras Aneiros chegarán Boney Fields & Bakin Blues Band o 20 de febreiro. Nado no norte de Chicago en 1958, Boney medra nun ambiente familiar onde a música é primordial en todos os sentidos. A Bakin Blues Band, unha banda de blues compostelá que non deixa de medrar, será quen compartirá a veteranía do trompetista, cantante e compositor na presentación en Santiago do novo proxecto deste orixinal bluesman amante do soul, do groove e do jazz.

O venres 25 de abril teremos unha cita dobre ineludible co mellor blues galego, xa que presentarán o seu novo disco dúas bandas coruñesas: Moondogs Blues Party e Carlos Childe & The Slave Rhythms. As dúas bandas móvense con comodidade entre o blues, a psicodelia, o folk, o rhytm&blues ou o jazz melódico. En 2014 serán dúas apostas seguras do blues "made in Galicia".

En maio teremos dúas citas neste ciclo. O venres 9 chega a Compostela un supervivente do blues: Boo Boo Davis. Davis pertence ás últimas xeracións de músicos que escriben e tocan o blues baseado na experiencia de primeira man dunha vida dura no delta do Mississippi, onde naceu en 1943. E o día 22 chega o grupo español blues-rock do momento: Guadalupe Plata. O seu son lémbranos o blues máis tóxico, áspero e polvorento fusionado co feitizo que transmite o cante jondo, outra das paixóns da banda de Úbeda.

Entradas á venda
As entradas para todos os concertos, que van dende os 6 ata os 17 euros, poden mercarse na billeteira do Teatro Principal (aberta de martes a sábado e días de evento de 18:00 a 21:00 horas) en salacapitol.com e na Reixa Tenda. Ademais, algún dos concertos terán outros puntos de venda.

Direcciones relacionadas



Compartir: