CULTURA

Abrapalabra presenta "As do peixe", de Cándido Pazó, dentro do ciclo Teatro&Danza

27/01/2014 Dentro do ciclo Teatro & Danza chega esta semana á nosa programación As do peixe, unha obra orixinal de Cándido Pazó que leva aos escenarios a compañía Abrapalabra Creacións Escénicas. Será este venres, 31 de xaneiro, ás 21:00 horas, no Teatro Principal.

As do peixe conta coa dirección de Cristina Domínguez, escenografía de Carlos Alonso e coas actrices Mónica Camaño, Rocío González, Susana Dans e Casilda Alfaro nos papeis protagonistas.

Trátase dunha viaxe a través da memoria, unha crónica das mulleres traballadoras da conserva, baseada en testemuñas reais da vida nas fábricas a partir dos anos setenta e contada desde o momento actual.

Catro mulleres, Conchi, Begoña, Lisa e Tere, reúnense periodicamente nun espazo público dedicado á memoria das conserveiras. Aquí tratan de relembrar o seu pasado laboral e o de tantas mulleres que, logo de que a fábrica de conservas máis importante da vila pechara, despois de moitas loitas e desenganos, víronse sen traballo e sen posibilidades reais de volver recuperalo. A súa historia, e a de moitas outras mulleres das vilas mariñeiras que quedaron sen traballo, amosan unha realidade: o derrube dunha economía e dun xeito de vivir.

As entradas poden mercarse na billeteira do propio teatro (aberta de 18:00 a 21:00 horas) e en Novagalicia Banco (entradas.novagaliciabanco.es ou no 902 434 443). O prezo xeral é de 10 euros e esta é unha das obras que entra dentro do Bono de Teatro Galego, mediante o cal cada entrada sae a 7 euros.

Compartir: