ALCALDÍA

Pedro Feijoo, Arturo Pérez-Reverte e Petros Márkaris recibiron o Premio San Clemente

27/01/2014 O alcalde compostelán, Ángel Currás, asistiu ao acto de entrega do Premio San Clemente na súa XIX edición. Pedro Feijoo, Arturo Pérez-Reverte e Petros Márkaris foron os galardoados nesta ocasión.

Un xurado formado por alumnos de 2º de Bacharelato dos institutos San Paio (Tui), Manuel Chamoso (O Carballiño), As Mercedes (Lugo), Pobra do Caramiñal e Rosalía de Castro (Santiago) elixiron a novela Fillos do mar, de Pedro Feijoo, como a gañadora na categoría de lingua galega. Arturo Pérez-Reverte obtivo o premio de novela en castelán por El tango de la guardia vieja, mentres que Petros Márkaris foi o galardoado na categoría de lingua estranxeira pola súa novela Liquidación final.

O Premio de Narrativa Arcebispo Juan de San Clemente proponse converter a alumnos de Bacharelato en protagonistas á hora de outorgar un Premio Literario. O xurado deste Premio está formado por alumnos de Bacharelato do Instituto Rosalía de Castro de Santiago, organizador do Premio, e de catro institutos máis, elixidos por sorteo, un de cada provincia galega.

O galardón, que ten tres modalidades, novela galega, novela castelá e novela estranxeira, está dotado con 9.000 euros e premia á mellor novela do ano en cada modalidade. No día da entrega do Premio, os alumnos son os auténticos protagonistas do acto e cada xurado de alumnos comparte mesa e mantel co escritor premiado no marco dunha gran festa.

A lista de premiados nas 19 edicións anteriores do certame inclúe nomes ilustres da literatura como Suso de Toro, Mario Vargas Llosa, Tariq Alí, Javier Marías, Antonio Tabucchi, Jaime Bayly, José Saramago, Manuel Rivas, Carmen Martín Gaite, Alessandro Baricco, Paul Auster, Milan Kundera, Laura Restrepo, Almudena Grandes, Carlos Fuentes, Álvaro Pombo, Javier Cercas, Vicente Molina Foix, Haruki Murakami ou Eduardo Mendoza, entre outros.

Compartir: