DEPORTES

O pavillón do Restollal acolle o Campionato Galego Sénior de Karate

24/01/2014 O pavillón municipal do Restollal acollerá este domingo, 26 de xaneiro, o Campionato Galego Sénior de Karate nas modalidades de kata e kumite individual masculino e feminino. Os combates comezarán ás 9:30 horas.

O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou esta competición, que reunirá en Santiago os mellores karatekas galegos. Está prevista a participación de 18 clubs, dos que catro son da comarca de Santiago. Competirán 55 karatekas: 42 na categoría masculina e 13 na feminina. Desta proba sairán os deportistas que irán ao Campionato de España, que se celebrará en marzo en Ciudad Real.

Acompañou ao edil nesta presentación a presidenta da Federación Galega de Karate, Carmen Barro, quen destacou a referencia que supón Santiago e a súa comarca no karate galego. Neste sentido, apuntou que esta área conta cunhas 600 licenzas e 12 clubs. Tamén estivo na rolda de prensa o director técnico da Federación, Óscar Lafuente.

Premio polo apoio ao atletismo
Por outra parte, Adrián Varela recollerá esta tarde o premio outorgado pola Federación Galega de Atletismo ao Concello de Santiago polo seu "apoio, promoción e colaboración co atletismo galego". O galardón entregarase no marco da Gala Anual do Atletismo Galego, que se celebrará no Auditorio de Monforte de Lemos a partir das 20:30 horas.

Compartir: