CENTROS SOCIOCULTURAIS

"Auschwitz-Birkenau, unha mirada ao pasado", de Daniel Candal, nova exposición fotográfica no CSXM do Ensanche

23/01/2014 O luns 27 de xaneiro, ás 19:30 horas, inaugurarase a exposición Auschwitz-Birkenau, unha mirada ao pasado, de Daniel Candal. A mostra permanecerá no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche ata o 8 de febreiro.

O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, e o autor das fotografías da exposición, Daniel Candal, estarán no acto inaugural, que constará dunha charla coloquio, coincidindo co Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto. O 27 de xaneiro de 1945, as tropas soviéticas liberaban o complexo de campos de exterminio de Auschwitz.

Auschwitz-Birkenau, unha mirada ao pasado é un conxunto de 25 imaxes en branco e negro sobre o maior campo de concentración e exterminio da historia do nazismo. 25 fotografías acompañadas de textos explicativos sobre os motivos concretos de cada unha delas, explicacións históricas e relatos de prisioneiros.

O conxunto de imaxes desta exposición pretende ser, tal e como di o seu título, unha visión actual do pasado, unha homenaxe xa non só ás vítimas de Auschwitz, ás do Holocausto nazi, senón ao ser humano como tal, como humano.

Todo isto trátase de conseguir a través dun percorrido fotográfico de Auschwitz, abarcando tanto imaxes de interiores coma de exteriores, nun acercamento ao sufrimento que houbo na Europa da Segunda Guerra Mundial. As imaxes teñen como denominador común a presenza do branco e negro e unha ausencia case total de seres humanos nelas pois, se algo lle falta a esta exposición, son os millóns de persoas que pereceron baixo o nazismo.

Realizadas en xuño de 2011, case un ano despois convertéronse nunha exposición que se amosa ao público compostelán tras pasar por cidades coma A Coruña, Ferrol ou Oviedo.

Sobre o autor
Daniel Candal (A Coruña, 1991) é estudante de quinto curso do dobre grao en Dereito e Administración e Dirección de Empresas na Universidade da Coruña. Afeccionado á fotografía dende hai anos, compaxina os seus estudios universitarios cunha aprendizaxe autodidacta da súa afección.

A través da fotografía, Daniel encontrou un medio de expresar a súa maneira de ver o mundo, de compartir momentos, de facer o que Cartier-Bresson definiu como "o instante decisivo". Pois é así como ve a fotografía: a captura dun instante. Sen iso, non hai fotografía para el.

Considera que cada imaxe ten que transmitir un sentimento, unha inquedanza, de ser quen de transmitir a túa forma de ver o mundo aos ollos alleos. Cada fotografía é unha historia, un momento único que dificilmente volverase repetir. E isto é o que ten en conta cada vez que colle a cámara: o privilexio de ser quen de deter o tempo, de asegurarse dalgunha maneira que un instante non morra de todo.

Na súa breve experiencia no mundo fotográfico, Daniel Candal reúne os seguintes recoñecementos:

- Finalista no concurso internacional Worlwide Photowalk Leader Competition 2012.
- Gañador no concurso Viaxarte 2012, organizado polo Concello da Coruña. Premio á mellor fotografía.
- Finalista na modalidade de fotografía no concurso Xuventude Crea 2010, organizado pola Xunta de Galicia.
- Finalista e mención de honra no concurso Viaxarte 2010.
- 1º premio José Sardina Muíños 2010 de fotografía na modalidade de retrato.

Direcciones relacionadas



Compartir: