ALCALDÍA

Inaugurado o primeiro punto de autogás en Santiago de Compostela

23/01/2014 O alcalde compostelán, Ángel Currás; o presidente do Consello de Administración de Galuresa, Manuel Martínez; e o delegado territorial de GLP de Repsol en Galicia, César Joral, inauguraron en San Caetano o primeiro punto de subministro de autogás na cidade, considerado actualmente como o combustible alternativo máis utilizado do mundo.

Máis de 21 millóns de vehículos no mundo utilizan autogás, tamén coñecido como GLP para automoción, dos que uns 10 millóns están en Europa e máis de 25.000 no mercado español. O GLP para automoción contribúe á mellora da calidade do aire polas súas baixas emisións de óxidos de nitróxeno e partículas, e axuda a reducir o efecto invernadoiro coas súas mínimas emisións de dióxido de carbono (CO2). Ademais, é unha alternativa económica, xa que ofrece un aforro de ata un 40% respecto aos combustibles convencionais.

1.500 vehículos en Galicia e 250 en Santiago
Repsol conta actualmente en Galicia con 14 estacións de servizo con autogás distribuídas polas catro provincias galegas: oito na Coruña, tres en Ourense, dúas en Pontevedra e unha en Lugo, que ofrecen autogás aos preto de 1.500 vehículos que utilizan este combustible na Comunidade Autónoma. En Santiago, estímase en torno a 250 o parque de automóbiles que usan o GLP para automoción. As previsións do sector para 2015 sitúan en torno os 3.000 o número de automóbiles que se moverán con autogás en Galicia.

A estes puntos de subministro súmanse uns nove surtidores de uso particular que abastecen preferentemente a cooperativas do sector dos taxis, dos que xa circulan uns 200 en Galicia con este combustible alternativo; así como a automóbiles de flotas de empresa.

Compartir: