CULTURA

Vinte e tres eventos de maxia, música, danza, títeres, clown e teatro na programación do ciclo Infantil & Familiar de xaneiro a maio

22/01/2014 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou a programación do ciclo Infantil & Familiar para os meses de xaneiro a maio, logo da exitosa acollida do ciclo coa programación de Nadal. Na rolda estivo acompañado do mago Martín Varela, quen estará dentro do ciclo este mesmo sábado no Auditorio de Galicia, ás 19:30 horas, co seu espectáculo Manifesto. En total serán, dende este sábado e ata o 1 de xuño, 23 eventos que inclúen, ademais de maxia, música, danza, títeres, clown e teatro.

Haberá de novo teatro para bebés na Zona C logo da boísima acollida que tiveron en 2013 estes espectáculos. Así, Caramuxo estará con Glub glub o domingo 26 de xaneiro e Titereficciós ofrecerá a estrea absoluta de Chove! os días 3 e 4 de maio, E tamén haberá teatro para os nenos e nenas un pouco máis maiores. Caramuxo representa Pío no Teatro Principal o 2 de febreiro para pequenos a partir dos 3 anos; Pica Pica amosa o seu espectáculo de teatro musical Bailando para nenos de 1 a 7 anos o 9 de febreiro no Auditorio Novagalicia Banco; e Talía Teatro estará con Sopa de sapo o 31 de maio e o 1 de xuño no Teatro Principal, para nenos e nenas de 6 a 11 anos.

Ademais, teremos o teatro xestual e clown de Bandullo Azul que, dirixidos por Evaristo Calvo, ofrecen A verdadeira historia de Robinson Crusoe e Venres os días 10 e 11 de maio no Salón Teatro. E de clown tamén poderemos ver Dous pallasos en máis apuros con Os Sete Magníficos + 1 na Zona C os días 12 e 13 de abril. Ambos espectáculos están dirixidos a rapaces de 6 a 12 anos.

Como non podía ser doutra forma, tamén haberá títeres. Os Monicreques de Kukas celebran o seu 35 aniversario con dous espectáculos dentro deste ciclo. O domingo 23 de febreiro estarán con Contos do vento acatarrado na Sala Agustín Magán do CSC de Santa Marta, e os días 29, 30 e 31 de maio e 1 de xuño con Xan perillán compra queixo e compra pan na Zona C. Os títeres únense coa música noutros dous eventos: Pedro e o lobo, coa Real Filharmonía de Galicia e Per Poc Títeres, o 22 de febreiro no Auditorio de Galicia, e A frauta máxica, coa Banda Municipal de Música e Viravolta Títeres, o domingo 27 de abril no Teatro Principal.

Con isto chegamos aos eventos musicais do ciclo. Comezaremos cunha ópera en inglés, The telephone, de Menotti, que se representará o sábado 1 de febreiro no Auditorio de Galicia. A Banda ofrece tamén unha serie de concertos familiares ademais do xa nomeado cos títeres: o 9 de febreiro, Vaia banda!, no Principal, acompañada de Odaiko Percussion Group; o 7 de marzo, Imos á Banda!, xunto á Banda do Conservatorio Profesional de Música, no Auditorio de Galicia; e o 16 de marzo, xunto á Roberto Somoza Jazz Band, presentan Simon descubre o jazz no Principal. E a Real Filharmonía, ademais do comentado concerto con títeres, ofrece outra entrega familiar o 29 de marzo no Auditorio de Galicia, Os mestres do clasicismo, baixo a dirección de Piero Lombardi.

A música chega tamén da man de Mamá Cabra, que presenta dous espectáculos o domingo 9 de marzo: pola mañá estarán con Cartas que veñen e van e, pola tarde, con Bicos de música, ambos no Teatro Principal. E a música tradicional terá tamén cabida no ciclo con Ultreia, que presenta Manifestacións lúdicas. Ultreia e a tradición galega o domingo 6 de abril no Auditorio de Galicia.

Teremos tamén espazo para a danza. O 5 de abril chega a compañía La Incidente DT para presentar Paseo pola danza na Sala Agustín Magán do CSC de Santa Marta e, o sábado 26 de abril, será a cita con trasPediante, que ofrece Baleadas no Teatro Principal. E, por último, haberá dous espectáculos de maxia: ademais de Martín Varela, do que xa falamos, estará o mago Martín Camiña o sábado 3 de maio no Teatro Principal co seu espectáculo Momentos de asombro.

Entradas á venda
As entradas están todas á venda na billeteira do Teatro Principal (aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas e os días do evento) e, ademais, venderanse nos espazos onde se celebren cada un dos espectáculos. A maioría teñen tamén as localidades á venda a través de Novagalicia Banco, tanto na web entradas.novagaliciabanco.es coma no teléfono 902 434 443. Hai algún espectáculo de balde, previa retirada de convites e para o resto os prezos varían. En todos os espectáculos de pago, agás no de Martín Varela e Chove!, existe a posibilidade de mercar unha entrada familiar, que consiste nun lote de catro entradas ao prezo de tres.

Direcciones relacionadas



Compartir: