TURISMO

Técnicos de Tanabe coñecen o funcionamento da oficina de información turística de Santiago

21/01/2014 Técnicos de Turismo de Santiago reuníronse con técnicos de Turismo de Tanabe na sede da empresa municipal de promoción turística, na rúa do Vilar. A xuntanza xirou en torno a dúas temáticas: por unha banda, a concreción das diferentes actividades de promoción que se levarán a cabo nos vindeiros meses, seguindo as liñas marcadas polo alcalde compostelán, Ángel Currás, e os representantes políticos da cidade nipona, reunidos este luns no Pazo de Raxoi; e por outra, nun intercambio de ideas para poder continuar desenvolvendo no futuro accións de promoción conxunta cada vez máis eficaces.

A reunión serviu tamén para que os técnicos de Turismo de Tanabe coñeceran de primeira man o funcionamento da oficina de información turística da cidade, onde cada ano se informa a milleiros de peregrinos que percorren o Camiño de Santiago e que pode servir como exemplo para os servizos de información ás persoas que percorren o Camiño de Kumano, que ten tamén centos de anos de historia pero que na actualidade non alcanza as altas cifras de peregrinos que ten o Camiño de Santiago.

Tanabe é o destino de referencia do Camiño de Kumano que, xunto co de Santiago, son as únicas rutas de peregrinación declaradas Patrimonio da Humanidade pola Unesco. As dúas cidades levan anos colaborando na promoción conxunta destas rutas, pero este ano reforzouse a colaboración por dúas razóns: a celebración do devandito Ano Dual España Xapón, co que se conmemora a chegada a España da primeira delegación diplomática xaponesa a un país occidental en 1613, e a conexión de Santiago con Estambul de Turkish Airlines, que pode aumentar o fluxo entre ambos países.

Compartir: