CULTURA

Trece novos concertos no ciclo Sons’14

21/01/2014 O director-xerente do Auditorio de Galicia presentou a programación do ciclo Sons 2014 para os meses de xaneiro a maio. Unha variada oferta de sons con diferentes estilos, procedencias e xéneros compoñen esta oferta musical, que se verá ampliada con novas propostas nos vindeiros días. Comeza o ciclo con Dorian Wood, que presenta o seu novo disco, Rattle Rattle, este venres 24 de xaneiro no Teatro Principal, en colaboración co festival Sinsal.

Xa en febreiro, o día 1, chega ao Principal o bilbaíno Kepa Junquera para presentar o seu novo disco, Galiza, un traballo discográfico rodeado das mellores formacións e artistas da actual escena tradicional de Galicia. O día 12, tamén no Principal, o ciclo Sons'14 acolle o concerto de presentación de CoraSons, un proxecto audiovisual e literario da editorial Kalandraka. Unha numerosa selección dos artistas involucrados en CoraSons participará neste especial concerto. E dous días despois, o 14, pero nesta ocasión ao Auditorio Novagalicia Banco, chegará a diva alemá Ute Lemper, unha das artistas internacionais de maior relevancia na actualidade, que presentará o seu novo disco, Forever: the love poems of Pablo Neruda.

Marzo comeza coa orquestra folk galega Sondeseu, que presenta o seu novo disco Danzas brancas no Teatro Principal. Con este traballo, que é xa o cuarto da súa carreira, Sondeseu confirma a consolidación dun proxecto no que espectáculo e virtuosismo camiñan da man. Roi Casal abre a programación do ciclo no mes de abril, o día 2, cun concerto no que presentará o seu novo disco. O compositor e cantante galego, considerado unha das referencias da música galega actual, mostrará, no Teatro Principal unha versión moito máis pop da que nos ten acostumados. O día 5 chega á Sala Capitol o alacantino Nach para presentar o seu novo disco, Los viajes inmóviles.

En maio teremos dúas propostas musicais moi diferentes entre si. O día 2 de maio estarán na Sala Capitol os romaneses Fanfare Ciocarlia, unha orquestra xitana de metais provenientes dun pequeno pobo no noroeste de Romanía chamado Zece Prajini, que presentarán o seu novo disco. E o día 16 de maio, Amancio Prada presenta no Principal A Rosalía de Federico, un diálogo escénico de Amancio Prada con dúas das voces máis esenciais e conmovedoras da poesía española: Federico García Lorca e Rosalía de Castro.

Dentro de Sons temos unha sección específica para o jazz que chamamos Sons Jazz e que ofrece nesta primeira parte do ano catro propostas, todas elas no Principal: Sumrrá, Andrea Motis&Joan Chamorro Group, Lara Bello e Pablo Seoane Trío. A primeira proposta, cos composteláns Sumrrá, chega xa este sábado, 25 de xaneiro. No mes de febreiro, o día 7, chega a catalá Andrea Motis acompañada de Joan Chamorro Group; o 23, a granadina Lara Bello cunha proposta de jazz e world-music e, o 28, Pablo Seoane Trío, que presentan o seu novo disco, Inópia.

Prezo e lugar de venda de entradas
As entradas para todos os concertos poderán mercarse na billeteira do Teatro Principal (aberta de martes a sábado e días do evento de 18:00 a 21:00 horas). E cada un dos concertos terá outras formas e puntos de venta específicos como Novagaliciabanco, tanto na web (entradas.novagaliciabanco.es coma no teléfono 902 434 443, nas webs dos artistas ou outros espazos. Ademais, os concertos que son no Auditorio de Novagalicia Banco terán venda de entradas tamén na billeteira do propio Auditorio o día do concerto a partir das 18:00 horas, e os da Sala Capitol nas canles propias da sala.

Direcciones relacionadas



Compartir: