CENTROS SOCIOCULTURAIS E TRÁFICO

Novas charlas da Policía Local para maiores

20/01/2014 Este mes de xaneiro continúan as charlas dedicadas á seguridade dos peóns das zonas rurais de Compostela, enmarcadas na campaña "Mira que te miren", tras as realizadas en Figueiras e Marantes. A colaboración entre as concellerías de Tráfico e Seguridade Cidadá e de Centros Socioculturais e Participación Cidadá fará posible novas sesións informativas en Laraño, Villestro e A Peregrina.

Este martes 21, ás 17:00 horas, o Local Sociocultural de Laraño acollerá unha destas charlas, impartidas por axentes da Policía Local. Están dirixidas a persoas maiores e orientadas á educación para a prevención dos riscos de andar polas beirarrúas e beiravías nas zonas rurais. As seguintes charlas celebraranse no LSC de Villestro (martes 28 ás 18:00 horas) e no Local Sociocultural da Peregrina (xoves 30 ás 16:30 horas).

Como en charlas anteriores, os axentes intentarán concienciar aos peóns do perigo de camiñar por zonas rurais sen tomar unha serie de precaucións. O obxectivo desta campaña é reducir o número de atropelos coincidindo cos meses máis vulnerables do ano, nos que hai menos luz. Entre o outono e o inverno acumúlase o 61% dos falecementos por atropelo.

As entidades veciñais colaboran activamente na difusión destas charlas. Agárdase unha alta asistencia, tal como sucedera nas dúas anteriores sesións, celebradas en Figueiras e en Marantes.

Compartir: