FESTAS

Preto de 300 músicos encheron de son as rúas compostelás

20/07/2006 Seis bandas dos concellos de Teo, Ribadeo, Boiro, Celanova, O Rosal e Baiona percorreron as rúas do casco histórico na xornada do mércores 19. Celebrouse así unha nova e exitosa edición da Homenaxe ás Bandas Populares, que nesta ano 2006 chegaba á súa vixésimo oitava edición.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, foi o encargado de darlle a benvida ás bandas na Praza da Quintana. Logo chegou o saúdo do organizador da xornada, Xosé Luís Bernal (Farruco) e a resposta en forma de acorde das formacións musicais. Ne escalinata, despois do recibimento a todas as demais a cargo da Banda Municipal de Santiago, todas xuntas interpretaron o himno galego.

A continuación, as bandas tocaron polas rúas da zona histórica. E tras unha comida de confraternidade, as bandas dedicaron a tarde a un concerto na Praza da Quintana. Cada formación dispuxo de 15 minutos para interpretar as pezas que elixira libremente.

Nos 28 anos deste evento pasaron por Santiago máis de 12.000 músicos e 300 bandas, das que moitas repetiron. Nesta edición quíxose render unha especial homenaxe aos homes que serven de guías polas rúas e locais da cidade ás bandas. O recordo personalizouse na figura de Alfonso Cabanas, falecido recentemente.

Compartir: