DEPORTES

Aberta a inscrición na campaña de esquí para escolares da Deputación da Coruña

17/01/2014 A Concellería de Deportes pon en coñecemento a apertura do prazo de inscrición na Campaña de Esquí 2014 na estación invernal de San Isidro organizada pola Deputación Provincial da Coruña. Poderán participar os nenos/as nados nos anos 2000, 2001, 2002 e 2003. Os participantes gozarán dunha fin de semana con aloxamento e manutención, ademais dos cursiños de esquí na estación de León. A entrada dos rapaces na estación será o venres pola noite antes da cea e a saída o domingo despois da comida.

A Campaña comezará a mediados do mes de febreiro (a fin de semana do 14 ao 16) e terá cinco quendas. A día de hoxe está pendente de confirmar a quenda na que participará o Concello de Santiago e tamén o número de prazas asignadas pola Deputación.

Para poder participar na quenda do Concello de Santiago haberá que estar empadroado e presentar a ficha de preinscrición debidamente cuberta en calquera dos Rexistros do Concello:

- Rexistro Xeral : R/Presidente Salvador Allende, 4 Baixo (Galeras)
- Rexistro Auxiliar CERSIA empresa: Avda. do Alcalde Raimundo López Pol s/n.(San Lázaro)
- Rexistro Auxiliar do Ensanche: Rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16 (Centro Sociocultural)

A data límite de presentación da preinscrición remata o venres 31 de xaneiro.

No caso de ter máis solicitudes que prazas asignadas pola Deputación, o Concello realizará un sorteo diante do secretario municipal, unha vez rematado o prazo de preinscrición.

Os adxudicatarios das prazas terán que aboar unha cota de inscrición de 36 € e completar a documentación necesaria para a inscrición oficial que determine a Deputación.

Máis información:
Departamento Municipal de Deportes 981 528 730

Compartir: