CENTROS SOCIOCULTURAIS

Inaugurada no Local Sociocultural da Rocha a exposición "Compostela Única: un retrato en imaxes anteriores a 1965"

17/01/2014 Seis centros socioculturais acollerán dende o 17 de xaneiro ata setembro de 2014 a exposición fotográfica Compostela Única: un retrato en imaxes anteriores a 1965, producida polo Ateneo de Santiago. O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, asistiu á apertura da mostra na súa primeira parada, o Local Sociocultural da Rocha, onde estará ata o 29 de xaneiro.

A exposición fotográfica, producida a iniciativa do Obradoiro Fotográfico do Ateneo de Santiago, amosa unha selección de fotografías captadas nas rúas de Compostela entre o nacemento da moderna fotografía, a mediados do século XIX, e 1965. A proposta parte do proxecto Compostela Única, no que participaron entidades, asociacións e persoas moi diversas. A contribución e a resposta da cidadanía ao chamamento do Ateneo de Santiago danos como resultado a oportunidade achegarnos á transformación da cidade e dos seus cidadáns a través deste traballo de memoria fotográfica.

A exposición estivo xa en febreiro de 2013 no Pazo de Fonseca e, con este percorrido por seis dos centros socioculturais de Santiago, pretende achegarse aos barrios, lembrando unha vez máis a historia da cidade a través desta interesante mostra fotográfica composta por 28 paneis, un documento audiovisual e un libro-catálogo. Neste último inclúense, ademais das fotografías da exposición, textos sobre a cidade de autores como Salvador García-Bodaño, Xerardo Estévez, Anxo Tarrío, Encarna Otero, J.M. González Herrán, Manuel Fraga Carou e Xosé Ramón Pousa, entre outros.

Os paneis fotográficos están agrupados en oito temas diferenciados: Compostela pedra a pedra; Universidade; Igrexa e Camiño de Santiago; Oficios, obradoiros e actividade comercial; Fotografías de autor; A sociedade compostelá; Deportes; e Festas e romarías.

Logo da Rocha, a mostra visitará os centros socioculturais de Vite (do 5 ao 26 de febreiro); do Castiñeiriño (do 6 ao 28 de marzo); das Fontiñas (do 2 ao 8 de abril), do Ensanche (do 3 ao 16 de maio) e de Conxo, do 9 ao 30 de setembro.

O Ateneo de Santiago animará novamente aos usuarios dos centros e asistentes á exposición a que compartan as fotos que puideran ter de Santiago nas datas da exposición, continuando así o labor de recollida de arquivo fotográfico que poida completar esta singular mostra.

Direcciones relacionadas



Compartir: