CENTROS SOCIOCULTURAIS

Arrancou a Escola de Maxia con dous obradoiros no Castiñeiriño e nas Fontiñas

17/01/2014 Continúan esta semana os obradoiros da Escola de Maxia para nenos dos centros socioculturais do Castiñeiriño e das Fontiñas, que se celebran os xoves e os venres, respectivamente, de 18:00 a 19:00 horas. O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, achegouse ao CSC das Fontiñas para coñecer un destes obradoiros, que se impartirán ata o mes de xuño.

Durante estes seis meses de formación, os rapaces e rapazas inscritos, con idades entre 6 e 14 anos, aprenderán a facer maxia con cartas, moedas, clips ou cordas. Recibirán formación teórica e práctica da posta en escena e de comunicación verbal en sesións conducidas por magos profesionais con ampla experiencia no eido do lecer infantil e da docencia máxica.

A maxia axudaraos a desenvolver aptitudes e capacidades artísticas e creativas, fomentando a psicomotricidade e a expresión oral e corporal. Ao final deste curso os nenos e nenas poderán exhibir as súas habilidades ao público nunha gran gala final para familiares e amigos na que se entregarán os diplomas do obradoiro.

A participación nesta actividade ten limitacións de prazas (15 por obradoiro). Aínda queda algunha vacante no Centro Sociocultural do Castiñeiriño, polo que se algún neno/a está interesado en participar pode apuntarse dirixíndose directamente a este centro. O prezo é de 24 euros o trimestre.

Direcciones relacionadas



Compartir: