FESTAS

Andrés Calamaro e Los Suaves encabezan o programa das Festas da Ascensión 2014

17/01/2014 O cartel das Festas da Ascensión deste ano 2014 conta xa con dúas citas musicais de renome: Andrés Calamaro e Los Suaves, que actuarán en Santiago de Compostela o vindeiro mes de maio. Este avance da programación foi presentado en rolda de prensa polo concelleiro de Festas, Francisco Noya, e polo responsable da promotora I-Radia Crea, Carlos Montilla.

Andrés Calamaro estará en directo na praza da Quintana o mércores 28 de maio a partir das 22:00 horas. As entradas para asistir ao que será un dos concertos do ano en Galicia xa están á venda. Pódense adquirir por un prezo anticipado de 18 euros no despacho de billetes do Teatro Principal (martes a sábado, de 18:00 a 21:00 horas), en ticketea.com e en entradas.novagaliciabanco.es. O propio día do concerto custarán 22 euros, mentres que as 100 primeiras persoas que as merquen poderán facelo a 16 euros, en virtude dunha promoción especial que poñen en marcha a promotora e o Concello.

A propósito do prezo das entradas, Francisco Noya incidiu en que os prezos en Santiago son a metade dos que terán os demais concertos da xira de Calamaro en España. O cantante arxentino será teloneado por unha banda compostelá aínda por concretar, segundo anunciou Carlos Montilla.

Ao día seguinte, o xoves 29 de maio, Los Suaves actuarán tamén na praza da Quintana, nun evento que será gratuíto para os asistentes. A banda liderada por Yosi e referente para varias xeracións comezará a tocar ás 22:00 horas.

O concelleiro enmarcou este concerto na aposta do seu Departamento polos grupos e artistas galegos, así como pola variedade de estilos e a gratuidade dos concertos nos casos en que é posible. Trátase ademáis dunha formación que xa leva varios anos sen tocar en Santiago.

Andrés Calamaro
Santiago de Compostela convértese así en parada para o artista arxentino dentro da xira de presentación do seu último traballo, Bohemio. O tour chegará a España en maio, despois de varios meses de directos por América Latina.
Calamaro está considerado un dos creadores esenciais da música popular en español. Comezou a forxarse ese título como parte de Los Rodríguez e consolidouno coa súa espectacular carreira en solitario. Mostra disto son traballos tan memorables como Honestidad brutal, que precisamente deixa moita pegada neste último Bohemio. Gravado en Bos Aires e producido por Cachorro López, contén dez temas redondos, que respiran ritmos de rock e deixan por un tempo o tango e o bolero.

No Bohemio Tour, que nas súas primeiras citas colleitou xa grandes críticas, Andrés Calamaro acompañará as súas novas composicións cos seus clásicos.

Los Suaves
Outra das grandes citas da Ascensión 2014 será o concerto que Los Suaves darán na praza da Quintana o xoves 29 de maio. Sobre o escenario, a que para moitos é a banda de rock galega máis emblemática de todos os tempos demostrará que continúa en plena forma. Á súa fronte están os irmáns Charly e Yosi Domínguez, baixista e cantante/letrista, que a fundaron en Ourense a finais da década dos 70.

Publicaron o seu primeiro disco, Esta vida me va a matar, en 1982, despois de telonear a Los Ramones na Coruña. Foi nese concerto onde comezaron a empregar o seu gato como símbolo do grupo. O éxito e recoñecemento xeral chegou co seu terceiro traballo, Ese día piensa en mi, que saíu á luz en 1988.

Despois de pasar por varios cambios na formación, Los Suaves seguiron en activo e en 2010 publicaron o seu último disco ata a data, Adiós, adiós, o undécimo álbum de estudio da súa traxectoria.

Na actuación das Festas da Ascensión de Santiago, os seus seguidores terán a oportunidade de escoitar os temas que se converteron en himnos para varias xeracións.

Compartir: