CULTURA

A orquestra rock galega Metamovida inaugura o Compostela Rock 2014

16/01/2014 A Sala Capitol acolle este venres o concerto inaugural do Compostela Rock 2014. Trátase dunha das propostas máis singulares que se poden ver na actualidade en Galicia, a da orquestra Metamovida, agrupación que non adoita ofrecer moitas actuacións. O concerto será ás 20:30 horas na Sala Capitol e, como preámbulo, poderemos escoitar tres bandas cuxos membros forman parte da orquestra: Unicornibot, Cró! e Guerrera.

A Orquestra Metamovida é a consecuencia da reunión de catro grupos (Unicornibot, Why Go, Cró!, Buogh!) en 2010 con ganas de facer algo diferente no panorama musical da provincia de Pontevedra. A escusa foi un fin de semana de festa nunha casa do rural galego, entre Tui e A Guarda. Tres días de moita música, moitas risas, moito ron e licor café, pouco sono e bo comer. Durante esa fin de semana improvisouse libremente e ao final tamén se probou a improvisación conducida mediante xestos.

Así, un director dirixe ao resto dos músicos mediante acenos que indican aos músicos que ou como facer ou todo o contrario. Nace así a Orquestra Metamovida. Ese mesmo ano, a orquestra vai crecendo con xente de Holywater, Un lobo en la Jaula, Durarará. Sierpes da Luz, Es un Árbol, Omega e algún que outro invitado ocasional e estréase oficialmente na festa aniversario do MARCO de Vigo.

A consolidación da orquestra servirá para que os grupos implicados se relacionen e compartan máis ata o punto en que empeza a formarse un colectivo arredor dos membros da orquestra. Actualmente, a orquestra fluctúa entre 10-15 participantes e reúnese regularmente, potenciando o colectivo, así como gravar un EP.

Tres bandas previas á orquestra
Como preámbulo á orquestra poderemos escoitar a Unicornibot, Cró! e Guerreira. Unicornibot formouse en 2008 en Pontevedra como experimento onde dar renda solta á imaxinación por parte de catro dementes. Dende a psicodelia e o rock progresivo ata o rock clásico, pasando polo math rock e o harcore, os Unicornibot ofrecen un directo irresistible e acaban de publicar o seu terceiro álbum, Mambotron (Matapadre, 2013).

Cró! é o berro que a banda usa para definirse a si mesmos. Non é só unha mestura de sentimentos de jazz, clásica ou rock, é tamén unha comunicación entre música e vídeo en tempo real. A música flúe facilmente entre os catro músicos e o vídeo artista creando novos espazos e texturas no contexto do rock. Os concertos de Cró! son un auténtico espectáculo de música e imaxe. Os catro músicos interrelaciónanse co vídeo artista en tempo real. Isto quere dicir que as proxeccións non son aleatorias nin estritas co tempo, senón que os clips de vídeo son axustados e manipulados durante o concerto de forma natural e musical.

Despois do seu Onkalo (Autoeditado, 2012) seguen desprendendo o aroma das grandes figuras, co seu sinal perfectamente recoñecible pero buscando unhas novas vías para o seu novo álbum, que esperamos na primavera, e que seguro que debullarán no noso fantástico evento.

Guerrera, comando de Psychodelic Gipsy Bluses, xuntáronse en 2009 para aventurarse en terreos tales como o blues de pantano, o rock psicodélico, a experimentación e a filosofía setenteira ofrecida cunha pegada sen parangón. Especialistas en dós de guitarras, sós de harmónica e transos hipnóticos.

Tamén preparando o seu próximo disco, o seu debut Under The Gipsy Sun conmocionou a leste e oeste por presentar unha ultravitaminada revisión do stoner, blues e rock dende un escenario con moitas, moitas táboas.

Entradas á venda
As entradas, a 10 euros anticipada e 12 euros na billeteira, poden mercarse na billeteira do Teatro principal (aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas), en metamovida.org e en Miranda Records. Ademais, tamén poderán mercarse en Pantocrator e Portobello na Coruña, en Liceo Mutante en Pontevedra e en Honky-Tonk en Vigo.

Compartir: