URBANISMO

Dúas esculturas lembran na costa de Santa Susana o lugar de reunión do xerme do Concello de Santiago na Idade Media

16/01/2014 O adro ao final da costa de Santa Susana, na Alameda, acolle xa as esculturas de dous leóns, co escudo da cidade, co obxectivo de simbolizar e indicar á cidadanía o lugar onde se reunía o Concello de Santiago na Idade Media. O alcalde compostelán, Ángel Currás, e a concelleira de Urbanismo, María Pardo, visitaron o lugar.

Estas dúas estatuas súmanse a outras de propiedade municipal ata agora conservadas no Museo do Pobo Galego e que se recuperaron para colocar en varios espazos da cidade. Despois de ser limpadas, tamén se situaron estatuas na Costa Vella e no Carme de Abaixo e na praza de Galicia.

As dúas esculturas de Santa Susana foron elaboradas no seu día polo escultor compostelán Fernando Blanco, discípulo de Asorey. Os dous leóns foron esculpidos para o parque da Alameda, pero quedaron en depósito no Museo Municipal e nunca foron substituídos no lugar para o que se esculpiron.

Estas dúas esculturas forman un conxunto e portan o escudo da cidade entre as súas garras. O león é, dende a antigüidade, símbolo do poder político. De aí que se colocaran as pezas na subida á igrexa de Santa Susana, para lembrar que no adro deste templo, edificado polo arcebispo Xelmírez no século XII, se reunían os venres os veciños de Compostela, o que constitúe a máis remota orixe do Concello de Santiago.

Entre outros feitos históricos acontecidos neste lugar, cómpre sinalar as reunións celebradas durante os graves sucesos de 1320 tras a chegada á cidade de don Berenguel de Landoira dous anos antes. Os burgueses, que desexaban pasar a depender da autoridade real e librarse do dominio señorial dos arcebispos, acordaron enviar unha embaixada, dirixida por Suárez de Deza, ao Castelo da Rocha Forte para negociar co arcebispo. Non obstante, as portas do castelo foron pechadas e os representantes da cidade remataron axusticiados o 16 de setembro de 1320.

O adro da igrexa de Santa Susana era lugar de reunión dos burgueses. Neste templo asinouse a paz entre os cidadáns de Compostela e o arcebispo Berenguel (ao que se debe a construción da torre medieval da Berenguela) o 27 de setembro de 1320. Os dous leóns flanquean agora a subida a igrexa cos escudos da cidade. No muro do fondo situouse unha placa de pedra coa seguinte lenda: No adro desta igrexa de Santa Susana reuníase o concello de Compostela na Idade Media.

Outras tres estatuas
Outra das estatuas recuperadas, do século XIX, de autoría descoñecida, representa a figura de Concepción Arenal. Instalouse no xardín da Costa Vella, destinando este espazo á escritora e pioneira do feminismo.

Unha das pezas está dedicada á figura de Ramón María del Valle-Inclán e foi realizada por Fernando Blanco. Foi colocada na praza de Galicia e unha placa lembrará as tardes que no seu último ano de vida en Santiago pasou o escritor no Café Derby.

Tamén de Fernando Blanco é a estatua dunha pastora que se situou nos xardíns do Carme de Abaixo, a carón da igrexa.

Compartir: