BENESTAR SOCIAL

Santiago acollerá as actividades do Día Mundial da Parálise Cerebral

15/01/2014 Santiago de Compostela será a sede das actividades do Día Mundial da Parálise Cerebral no mes de outubro, que reunirá na cidade a representantes de asociacións de atención a persoas con parálise cerebral de toda España e da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Así se acordou na reunión mantida entre o alcalde compostelán, Ángel Currás e a concelleira de Benestar Social, María Castelao, con Eulogio López, presidente da Federación Galega de Parálise Cerebral, e Ana María Prieto, xerente da entidade.

No transcurso da reunión, Ángel Currás comprometeuse a colaborar activamente na organización do evento mediante a cesión dun espazo para a celebración das actividades previstas, así como na xestión de prazas hoteleiras adaptadas para as persoas con parálise cerebral que acudan a este encontro. Así mesmo, o rexedor compostelán quixo deixar patente a sensibilidade que existe na corporación municipal cara o colectivo de persoas con discapacidade e destacou o excelente labor que a Federación Galega de Parálise Cerebral vén desempeñando na atención desta doenza, que afecta a máis de 5.000 persoas en Galicia.

Pola súa banda, o presidente de ASPACE Galicia agradeceu a dispoñibilidade amosada dende o primeiro momento polo alcalde para "poñer á nosa disposición todos os recursos necesarios para a organización deste evento, que será o acto central do Ano Galego da Parálise Cerebral, que se conmemora neste 2014".

Compartir: