SEGURIDADE CIDADÁ

Expertos suecos en emerxencias estudan o dispositivo posto en marcha con motivo do accidente ferroviario do 24 de xullo

15/01/2014 Unha delegación sueca da Universidade de Umea estivo no Concello para coñecer os detalles do operativo especial que se planificou como consecuencia do accidente de tren Alvia o pasado 24 de xullo. A representación municipal na reunión estivo composta por efectivos da Policía Local, dos Bombeiros e de Protección Civil.

A concelleira Amelia González expresou a súa satisfacción polo feito de que unha delegación de expertos en accidentes como o acontecido en Santiago se tivera interesado polo dispositivo de emerxencias posto en marcha con motivo do accidente ferroviario do 24 de xullo. Neste sentido, destacou o positivo intercambio de experiencias que se dá en reunións como estas cara a actuacións en casos similares.

Na mesma liña manifestouse o xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Juan José Muñoz, quen indicou que era unha "honra" recibir a esta delegación sueca, experta en emerxencias sanitarias e en accidentes de tren. Este era a terceira das catro xornadas previstas pola delegación sueca en Galicia, onde tamén mantiveron encontros con persoal do SERGAS, do 061, da Axencia Galega de Emerxencias ou do Instituto Galego de Medicina Legal.

Pola súa parte, a investigadora ferroviaria Rebeca Steinberg destacou a importancia de recoller a experiencia destes dispositivos de emerxencia en simulacros que se realicen para este tipo de desastres. No caso do accidente de Santiago, a delegación sueca amosouse especialmente interesada en estudar o tipo de lesións sufridas polos afectados e a xestión do rescate. A propósito deste último, declarouse "impresionada" pola resposta dos veciños de Angrois.

Compartir: