XUVENTUDE

A Concellería de Xuventude convoca un certame para impulsar e canalizar a creatividade dos novos cantautores

15/01/2014 A concelleira de Xuventude, Rebeca Domínguez, presentou o I Certame de Música SantiAutor para artistas noveis, convocado polo Concello xunto coa Sala Sónar. O obxectivo deste concurso é promocionar, impulsar e canalizar a creatividade musical dos novos cantautores. Enmárcase na quinta edición do certame SantiAutor.

Poderán participar neste certame cantautores cunha idade non superior aos 35 anos e que non teñan ningún disco editado. Os interesados deberán presentar por rexistro, ademais da documentación identificativa, unha maqueta con dous temas orixinais e as letras das dúas cancións a concurso. O prazo de inscrición estará aberto do 16 ao 28 de xaneiro.

Un xurado composto por especialistas do ámbito da música e por persoal técnico da Concellería de Xuventude escoitará as maquetas e seleccionará un máximo de doce participantes que accederán á fase de actuación. Celebraranse tres concertos, os días 14, 21 e 27 de febreiro, na Sala Sónar.

En cada un destes concertos actuarán catro dos finalistas, que disporán dun tempo máximo de 20 minutos cada un. Deberán interpretar, cando menos, os dous temas presentados na maqueta, podendo completar o concerto con outras cancións do seu repertorio ata esgotar o tempo máximo.

O premio para os gañadores será ser teloneiros dos participantes no V Festival SantiAutor. Ademais, o primeiro clasificado actuará en dous concertos e, o segundo, nun concerto, como artistas principais, na Sala Sónar. O nome dos gañadores coñecerase durante o primeiro dos concertos do SantiAutor, o 28 de febreiro.

SantiAutor
O Certame SantiAutor chega xa á súa quinta edición. Para celebrar estes cinco anos dun certame xa consolidado, programáronse oito concertos na Sala Sónar. O primeiro celebrarase o 28 de febreiro e terá como protagonista un artista novo compostelán, Fredi Leis.

O 8 de marzo será a vez do violinista madrileño Marino Sáiz, mentres que o 15 dese mesmo mes actuará Xabier Díaz, unha das voces máis autorizadas do panorama musical galego. O seguinte concerto será o de Luis Ramiro, un dos referentes da nova música de autor española, o 22 de marzo. Pechará o programa do mes, o día 22, a cantante cántabra Gastelo.

O certame completarase en abril con outros tres concertos, o primeiro dos cales será o do cantautor catalán Rafa Pons (5 de abril). Para o 12 de abril preparouse un concerto dobre a cargo de Rozalén e Paco Cifuentes. Esta edición 2014 do SantiAutor concluirá co agardado concerto de Marwan.

Compartir: