TURISMO

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España presentou o seu Plan Operativo de Turismo para o ano 2014

13/01/2014 A concelleira de Turismo, Reyes Leis, participou na sede de Turespaña, en Madrid, na reunión da Comisión de Turismo do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. A sesión de traballo contou coa presenza dos concelleiros de Turismo das 13 cidades que forman esta asociación e centrouse na presentación do Plan Operativo de Turismo para o ano 2014, o documento que recolle a estratexia de promoción da oferta turística do Grupo, especialmente no mercado exterior.

Previo á presentación do Plan, a Comisión fixo balance das actuacións desenvolvidas durante 2013, un ano no que o Turismo foi de novo un dos motores da economía española con cifras record de entrada de viaxeiros, e no que o conxunto de destinos das Cidades Patrimonio se viu beneficiados cun incremento global, ata outubro de 2013, dun 4,22% fronte ao exercicio anterior, con preto de 3.500.000 de viaxeiros recibidos.

Ao longo do ano pasado, os mercados exteriores emisores de turistas máis importantes para as cidades do Grupo resultaron ser Francia (14,20%), Alemaña (8,88%), Reino Unido (8,32%), Estados Unidos (8,29%), Italia (8,02%), Portugal (5,94%), Xapón (4,09%), Países Baixos (3,69%) e Bélxica (2,24%), cunha presenza crecente de visitantes procedentes de Brasil, India, Rusia e China.

En 2013, ano da celebración do 20 aniversario da creación da entidade, o Grupo levou a cabo 64 accións de promoción turística nos mercados exteriores, a maior parte delas en colaboración con Turespaña, a través das súas 33 Oficinas Españolas de Turismo repartidas por todo o mundo. Participou en 9 xornadas, realizou accións comerciais destinadas a turoperadores "porta a porta" en 5 cidades, promoveu 13 presentacións de produto, estivo presente en 5 campañas de público internacionais, participou en 5 grandes feiras de turismo e organizou 27 viaxes de familiarización para xornalistas e axentes de viaxes.

Estas accións combináronse con campañas dixitais de comunicación, insercións publicitarias nos principais medios nacionais especializados en viaxes, e a utilización das redes sociais do Grupo para promocións e concursos na páxina web do Grupo. Destaca o recente número extraordinario do boletín dixital de Turespaña que se dedicou ás Cidades Patrimonio con motivo o seu 20 aniversario e que o organismo do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo enviou a preto dun millón de direccións de todo o mundo en 5 idiomas.

Plan Operativo 2014
O Plan Operativo aprobado pola Comisión segue a liña de promoción do ano anterior de apostar por manter a presenza do Grupo nas feiras máis importantes do mundo: Vakantiebeurs de Utecht (que comeza hoxe na cidade holandesa), Feira de Vacacións de Bruxelas, ITB de Berlín e JATA de Tokyo, foros nos que o Grupo presentará de forma conxunta o seu produto especializado de turismo cultural co selo de excelencia que lle outorga o selo de Patrimonio Mundial da UNESCO.

En 2014 continuaranse as alianzas estratéxicas con Turespaña, como Club de Produto, con Paradores, Renfe e Madrid Destino, a entidade de promoción turística do Concello de Madrid coa que o Grupo vén desenvolvendo nos últimos diversas campañas en mercados emisores afíns dada a importancia que a capital de España ten como porta de entrada principal para os visitantes que posteriormente viaxan as 13 Cidades Patrimonio. Estas alianzas renovaranse mediante a próxima firma de convenios de colaboración con motivo de FITUR.

Xunto aos mercados maduros para o Grupo, como os países europeos, a acción de promoción dirixirase a América, con campañas de presentación de produto en Estados Unidos (Los Ángeles e Dallas) e o Cono Sur (Arxentina, Chile e Perú), e a países emerxentes nos que a asociación vén traballando dende anos: Brasil, India, China e Rusia. Tamén se continuará a presenza en Xapón, cunha promoción en Tokyo que coincidirá coa clausura do Ano Dual España-Xapón. Nestas accións de contará coa colaboración de Turespaña, Madrid Destino e Rede de Cidades AVE.

Continuarase coa organización de viaxes de familiarización que permitan a xornalistas e axentes de viaxes de todo o mundo visitar e coñecer de primeira man as 13 cidades, e, en colaboración con Turespaña, realizaranse presentacións técnicas ante os principais turoperadores de diversos países e participarase en accións de visibilidade destinadas a público final en importantes cidades europeas como Roma, Frankfurt ou París.

Durante 2014, o Grupo promoverá tamén os seus destino dentro do mercado nacional, nun ano que se prevé de recuperación económica, de maneira que se organizarán accións de promoción nas grandes cidades co obxectivo de atraer o visitante nacional ao produto patrimonial e cultural exclusivo que ofrecen as 13 cidades. Outra das liñas de traballo será promover o intercambio de viaxeiros entre as propias cidades do Grupo, de maneira que cre un fluxo de viaxeiros a xeito de rede cunha serie de accións de fidelización e vantaxes.

As redes sociais do Grupo, en coordinación coas propias de cada unha das 13 cidades, xunto con promocións e campañas en soporte dixital complementarán o traballo promocional recollido no Plan Operativo.

Compartir: