ALCALDÍA

A praciña Saxo Tenor lembra xa en Vista Alegre a Roberto Vidal Bolaño

12/01/2014 O alcalde compostelán, Ángel Currás, presidiu o acto de inauguración da praciña Saxo Tenor, no barrio de Vista Alegre, en memoria de Roberto Vidal Bolaño. Deuse así cumprimento ao acordo unánime da Corporación adoptado no Pleno do 28 de novembro de 2013, polo que se designaba co nome desta obra -unha das máis emblemáticas do dramaturgo compostelán- esta praza, situada a carón da casa onde vivira.

No acto descubriuse a placa co nome da praciña, "Saxo Tenor". A continuación, interveu Dolores Alende, presidenta da Asociación de Veciños As Brañas de Andrés, entidade que viña reivindicando este nomeamento. A este discurso seguíronlle tres actuacións musicais: a do cuarteto de saxos de Merza, que tocou "Adiós Nonino"; a do grupo tradicional As Brañas de Andrés, que interpretou "Foliada do Rueiro" e a dun tenor, acompañado por saxos, que tocaron "Negra sombra". O acto pechouse coa intervención do alcalde, Ángel Currás.

O nomeamento desta praza únese ás homenaxes que a cidade ten rendido a Roberto Vidal Bolaño, das que a expresión máis próxima foron as realizadas con motivo da súa elección para celebrar o Día das Letras Galegas no pasado ano 2013. Saxo Tenor é o título dunha obra escrita polo dramaturgo e cuxa representación el mesmo dirixiu en 1993. Recibiu o Premio Álvaro Cunqueiro e os Premios Compostela ao mellor texto e á mellor escenografía.

Precisamente, o 17 de maio de 2013, Día das Letras Galegas, e en Vista Alegre, a carón da casa familiar onde vivira, no número 43, familiares veciños e autoridades lembraron a súa calidade humana e literaria, e descubriron unha placa que leva por lema "Polo seu traballo e por toda unha vida dedicada ao teatro galego e á nosa literatura".

Compartir: