INMIGRACIÓN

Uruguai crea un rexistro cívico para os seus residentes no exterior

19/07/2006 Os preto de 7.000 uruguaios residentes en Galicia poderán inscribirse nun rexistro cívico, que facilitará a súa localización e a prestación dunha serie de servizos para os mesmos. Este rexistro foi presentado pola concelleira de Emigración e Inmigración, Teresa Regúlez, e polo cónsul xeral de Uruguai en Galicia, Gonzalo Koncke.

Este rexistro xorde da intención do Goberno uruguaio de manter unha maior vinculación cos seus residentes no exterior. Mediante un sinxelo e curto trámite, os cidadáns deste país poden inscribirse e, deste xeito, acceder a unha serie de servizos e facilidades que lle confire a súa cidadanía e nacionalidade. Os cidadáns poderán facer este trámite tanto no Consulado de Santiago como no de Vigo.

Un dos órganos de participación do que dispoñen os cidadáns deste país é o Consello Consultivo de Uruguaios Residentes, no que participan polo momento as asociacións de uruguaios. Pero unha vez rexistrados os residentes a través do novo rexistro, eles mesmos poderían elixir directamente os seus representantes neste órgano. Esta é unha das vantaxes da inscrición, entre outras que se están a preparar dende o Goberno uruguaio.

Teresa Regúlez destacou a importancia deste rexistro e doutra serie de medidas, "destinadas a que os cidadáns uruguaios, amparados polo Consulado, reciban atención en temas como a tramitación e o exercicio da súa cidadanía. En Santiago residen uns 200 uruguaios, e 700 contando toda a área de influencia.

A concelleira aproveitou a rolda de prensa para facer un chamamento ao conxunto de residentes en Galicia que non teñen o permiso de residencia permanente. Lembroulles que teñen que renovar os seus datos no padrón municipal, xa que de non facelo despois dun período de dous anos, son dados de baixa.

De feito, foron dados de baixa preto de 600 residentes por este motivo. O Concello intentou comunicarlles a todos os apercibidos da caducidade da súa inscrición no padrón, pero precisamente eses cambios de domicilio non comunicados impedían que as cartas lle chegaran aos destinatarios. Regúlez lembrou os prexuízos que a non renovación das inscrición supón para todos os seus trámites.

Compartir: