MERCADOS

Visita do alcalde e da ministra de Fomento ás obras do Mercado de Abastos

10/01/2014 A ministra de Fomento, Ana Pastor, e o alcalde compostelán, Ángel Currás, visitaron ás obras de remodelación do Mercado de Abastos, unha actuación que executa o Ministerio de Fomento con cargo aos fondos do Programa de Rehabilitación Arquitectónica.

O Ministerio de Fomento financia o 50% do proxecto, un total de 2.625.549 euros. A Xunta de Galicia e o Concello de Santiago achegan o resto, repartido nun 22,45% e nun 27,55%, respectivamente.

O proxecto ten como obxectivo permitir que o inmoble se continúe destinando ao seu uso natural, adaptándoo aos novos condicionantes do mercado, de maneira que teña unhas instalacións máis modernas, conte con determinados espazos dos que carece e se reorganicen as súas funcións internas.

En concreto, as actuacións programadas, que non alterarn a súa configuración actual e que se establecen dentro do marco legal establecido polo Plan Especial de Protección e Rehabilitación do Casco Histórico -que cataloga o edificio no nivel 2- son as seguintes:

- Rehabilitación e posta en valor do edificio: remodelación interior das naves, remodelación exterior e acondicionamento dunha delas, que será unha nave gastronómica.

- Cobertura das zonas de circulación entre naves, así como da zona de actividade comercial emprazada sobre a muralla: cobertura do espazo central, marquesiñas translúcidas exteriores, toldos e antucas exteriores.

- Resolución da comunicación peonil mediante un ascensor entre o mercado e a rúa Virxe da Cerca.

- Proxección dunha edificación nova na zona ocupada por unhas naves sen valor arquitectónico e polo transformador.

Compartir: