TURISMO

Concello, Renfe e Hostalería colaborarán en accións de promoción turística de Santiago e de fomento das viaxes en tren á cidade

10/01/2014 Celebrouse en Raxoi o acto de sinatura do convenio de colaboración entre Turismo de Santiago, Renfe e a Asociación Provincial de Hostalería e Hospedaxe, co obxecto de realizar accións de marketing e comercialización para potenciar o posicionamento de Santiago como destino turístico e fomentar as viaxes en tren á cidade dende os principais mercados turísticos. Asistiron a ministra de Fomento, Ana Pastor; o alcalde compostelán, Ángel Currás; a concelleira de Turismo, Reyes Leis; os presidentes de Hostalería, Jesús Sordo e José Manuel Otero; e o presidente da entidade pública empresarial Renfe-Operadora, Julio Gómez-Pomar.

Tras a sinatura do convenio, o alcalde referiuse á necesidade de potenciar o uso do ferrocarril nun ano decisivo para Santiago como o Franciscano que vén de comezar. Agarda que esta acción de promoción e marketing poida continuar noutros anos. A este impulso na promoción de Santiago tamén aludiu a ministra de Fomento, Ana Pastor.

O obxectivo do convenio é a promoción de Santiago de Compostela como destino turístico, utilizando o tren como medio de transporte a través das ofertas especiais en trens directos na conexión que une Madrid con Galicia e o uso dos servizos Avant de Galicia. Ademais, o convenio inclúe descontos nas tarifas aplicables en feiras, congresos, exposicións, escapadas e promociones nos soportes de venda de Renfe.

Durante todo o ano levaranse a cabo diversas accións para potenciar o turismo a Santiago de Compostela en tren como medio de transporte para chegar ata a capital galega.

Por parte de Turismo de Santiago e da Asociación Provincial de Hostalería e Restauración de Santiago, incluirase nas súas páxinas web (www.santiagoturismo.com e www.santiagohosteleria.org) toda a información relativa a promocións específicas de Renfe respecto a Santiago, e activarase o enlace na páxina www.renfe.es. Ademais, impulsaranse conxuntamente accións promocionais puntuais.

Compartir: