CULTURA

O ciclo Íntimo & Acústico amosa a faciana máis persoal de cinco singulares artistas

10/01/2014 José Víctor Carou, director-xerente do Auditorio de Galicia, presentou un avance dos concertos de Íntimo & Acústico ata o mes de abril. A cantautora asturiana Paula Rojo inaugura o sábado 11 de xaneiro, no Salón Teatro, a edición 2014 deste ciclo, que no primeiro trimestre traerá a Santiago a música de Cass McCombs, Depedro, Jabier Muguruza e Los Secretos, todos eles con concertos únicos en Galicia.

O ciclo Íntimo & Acústico reúne dende febreiro de 2012 a coñecidos e singulares solistas e grupos nacionais e internacionais en espazos, como o Teatro Principal, a Zona C ou o Salón Teatro, axeitados para amosar a cara máis íntima e as propostas máis persoais das súas músicas. Da variedade e calidade desta ecléctica programación dan testemuña algúns dos nomes programados nestes dous anos do ciclo: Maika Makovski, Ariel Rot, Nacho Vegas, Josele Santiago, Juan Perro, Albert Pla, Cristina Rosenvinge, Damien Jurado, Coque Malla, Sidonie, Pablo Guerrero, Xoel López, Sr. Chinarro, The New Raemon, Bigott, Najwa Nimri, Abe Rábade, Aline Frazao, Sumrrá, Luar na Lubre, Berrogüeto, Luis Emilio Batallán, Jane Joyd, Xoán Curiel, Monica de Nut...

A nova cantautora asturiana Paula Rojo inaugura a edición 2014 do ciclo no Salón Teatro o sábado 11 de xaneiro, nun concerto no que presenta o seu novo traballo discográfico, titulado Érase un sueño, no que combina baladas convencionais con cancións nas que sobresaen arranxos tomados da música que ama, a mesma que practicaba Johnny Cash. Todo iso envolto nunha voz doce e moi xuvenil, a que corresponde aos seus 22 anos. Paula Rojo cativounos a todos na súa primeira actuación no talent show La Voz. Logo reafirmouse ante toda España co seu primeiro sinxelo, "Solo tú", que debutou nº 1 de iTunes e se mantivo máis de vinte semanas entre nas cancións máis descargadas en España.

O artista norteamericano Cass McCombs chega a Santiago de Compostela por primeira vez para presentar, no Salón Teatro (domingo 19 de xaneiro) o seu flamante novo traballo, Big wheel and others, que supón o sétimo disco na súa imparable traxectoria, que mestura influencias do rock e do folk e que de novo edita Domino Records, discográfica de populares e prestixiosos grupos coma Franz Ferdinand ou Artic Monkeys.

Depedro (Jairo Zavala) edita o seu terceiro disco e o seu concerto de presentación en Galicia será no Teatro Principal o xoves 30 de xaneiro. O novo álbum deste rockeiro madrileño é produto das súas viaxes por todo o planeta e as temáticas das súas cancións están centradas en problemáticas locais. La increible historia de un hombre bueno é o seu disco máis ambicioso: unha obra orixinal, delicada, creativa, moi traballada e, sobre todo, humana.

O título do novo disco de Jabier Muguruza, Beste hogei (Outros vinte), supón unha clara declaración de intencións do cantautor vasco cando se cumpren 20 anos do inicio da súa carreira musical. Jabier Muguruza volve amosar nesta nova gravación a súa intención de seguir traballando na canción de autor. Non mira cara atrás, non fai un recompilatorio de vellos temas, senón que crea dez novas cancións coas que mira cara ao futuro. O seu concerto será o sábado 8 de marzo no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

As cancións máis emblemáticas de Los Secretos pecharán este primeiro avance do ciclo Íntimo & Acústico antes de Semana Santa. Ante a alta demanda de localidades espertada na primeira semana de venda de entradas, o concerto inicialmente previsto para o Teatro Principal celebrarase finalmente no Auditorio Novagalicia Banco (venres 4 de abril). Los Secretos chegan a Santiago para ofrecer arranxos en acústico, especialmente preparados para a ocasión, dos seus grandes éxitos.

As entradas para todos os espectáculos están xa á venda no despacho de billetes do Teatro Principal, aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas. Ademais, para case todos se poden comprar tamén en entradas.novagaliciabanco.es ou a través do teléfono 902 434 443.

Compartir: